Skip to main content
Pantón

O Obradoiro de traballo intelectual de Pantón acolle 20 persoas todos os mércores

Por 15 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Pantón organiza e colabora en distintas actividades ao longo do ano para ocupar o tempo de lecer de nenos e adultos e nestes momentos desenvólvense os cursos de ximnasia, un curso de restauración de mobles, o Pequechef Pantón e o Obradoiro de traballo intelectual.

Esta última actividade desenvólvese os mércores de 17.30 a 19.00 horas e conta coa participación dunha vintena de persoas. Este obradoiro comezou como un taller de memoria para adultos, e a actividade foise adaptando ás persoas participantes como comenta Javier González, técnico de cultura, encargado do obradoiro: “Viña xente de 60 anos en diante e fomos vendo que a maioría das persoas que viñan non tiñan problemas de memoria, se non pérdida de habilidades por falta de uso”.

Cada día fanse exercicios distintos con dinámicas concretas para exercitar a mente e vaise incrementando a dificultade. Trabállase con exercicios de buscar diferenzas, de números, fanse lecturas que logo se comentan… “Tentamos ofrecerlles algo ao que lle vexan utilidade e sacalos de casa, socializalos durante esa hora e media no tempo libre que teñen e traballar aspectos que se foron deixando de exercitar”.

Entre os participantes hai persoas de pouco máis de 60 anos que acoden para ocupar o tempo. Desde os 70 anos aos 80 próximos aos 90 anos son a maioría dos participantes, “hai uns anos tivemos unha señora de 97 anos que lía de marabilla, era autodidacta e viña todos os días”, destaca Javier.

Segundo Javier González o que mellor funciona para ter xente neste tipo de actividades é o boca a boca, que as persoas falen ben da experiencia, e iso acontece a cotío con este obradoiro polo que periódicamente aparecen novas incorporacións, “ás veces os nomes das actividades poden asustar pero en canto funciona o boca a boca e o ben que o pasan, súmase xente. O outro día houbo dúas señoras que viñeron por primeira vez e dicían non pensei que fora así, paseino estupendamente; comigo conta que isto non o deixo”.