Skip to main content
Quiroga

As carreiras máis longas do Quiroga Trail Challenge cambian para protexer un niño de aguias reais

Por 5 Febreiro, 2024Febreiro 6th, 2024Sin comentarios

A organización do Quiroga Trail Challenge vese na obriga de modificar os percorridos e as distancias das súas dúas carreiras máis longas: as ultras de 62 e de 90 quilómetros ante a imposibilidade de transitar a zona do Pico Montouto do Xeoparque Montañas do Courel.

Así, din que adoptan esta postura tras consultar novamente coa Xunta de Galicia e Medio Ambiente para asegurar a resposta practicamente afirmativa que obtiveron no mes de decembro, cando comezaron co deseño e preparación das diferentes distancias. Esta prohición deriva da necesidade de preservar un niño de aguias reais que se atopa nas proximidades do Pico Montouto, un dos máis emblemáticos do Xeoparque.

Nun principio, contábase coa posibilidade de volver ao percorrido orixinal da carreira de 62 quilómetros, tal e como era ata o ano 2019, debido a que nas datas do evento, 24 e 25 de febreiro, as aves non se atopan en fase de anidación, o que non suporía ningún problema. Con todo, tras consultar recentemente en busca de confirmación definitiva, Medio Ambiente rectifica que, debido a que as aguias se atopan en fase de apareamiento, consideran que o paso dos corredores podería entorpecer esta fase. Débese de ter en conta que as  aguias reais en Galicia están catalogadas como especie en perigo de extinción.

Os cambios, en detalle

Consecuentemente, a dirección da carreira decidiu modificar, sen máis espera, os percorridos afectados eliminando o paso pola zona restrinxida, quedando da seguinte maneira: a ultra de 62 quilómetros ascenderá ao Pico Pía Paxaro, aumentado a distancia ata os 70 quilómetros, con 4.000 metros de desnivel positivo, e co aliciente engadido de pasar por tres das fervenzas máis impresionantes do Xeoparque.

Pola súa banda, a ultra de 90 quilómetros, creada como novidade do décimo aniversario da proba, mantén a súa distancia e engade a subida ao Pico Formigueiros, o máis alto de todo o Xeoparque Montañas do Courel, o que aumentará o desnivel positivo ata os 5.600 metros.

“Entendemos que se trata dun novo reto para todos: corredores, voluntarios e organización”, explica Blas Rodríguez e Manuel Barreiro, directores do evento.

Ao mesmo tempo, esperan satisfacer igualmente as expectativas de todos os implicados e agradecen a comprensión ante a necesidade de protexer, ante todo, a natureza e fauna dunha contorna tan exclusiva como é o Xeorparque Montañas do Courel.