Skip to main content
Quiroga

O Goberno local de Quiroga está a traballar na elaboración do novo presuposto deste ano 2024

O equipo de Goberno de Quiroga traballa xa na elaboración do novo presuposto que levará a sesión plenaria para a súa aprobación, un presuposto que se presenta como “diferenciador“ e que “dará a cada área a economía necesaria para traballar e cubrir servizos básicos”. Estes serán os primeiros presupostos que elabore este goberno, pois ata o de agora traballouse cun presuposto “escaso e adaptado ao anterior goberno”, explican.

O novo presuposto vai encamiñado a atender a todos os cidadáns, “escoitando suxerencias, demandas, ideas e tamén críticas”. Ideas dende os Servizos Sociais, actividades para os maiores, para os máis pequenos, mellorar e crecer en deporte, atención as aldeas e a inquietude de mellorar edificios en mal estado como o Albergue Municipal, unido á atención de demanda de obras.

O servizo municipal de auga

O equipo de Goberno ten un tema herdado e complicado: o servizo municipal de auga, pero que terá que asumir pois é “ a nosa responsabilidade”. Co inicio das chuvias de outono a auga chegou turbia e o gran incendio ocorrido durante o verán do 2022 unido aos movementos de terra precisos para sacar a madeira queimada fixeron que a chuvia arrastrase gran cantidade de terra á zona de captación da traída de auga municipal.

Isto, sumado á deficiente rede de tubaxe, provocou numerosos cortes no subministro dunha auga que xa non chegaba nas mellores condicións.

O grupo de goberno é consciente deste gran problema e admite as críticas, pero tamén é consciente de que o remedio non se pode acometer inmediatamente: “A nosa inquietude sobre a auga é primordial, pero unha débeda anterior sumada a uns escasos presupostos, dificultan a inversión; porén, vaise traballar sobre este tema por afectar a toda a veciñanza”.

De feito xa se comezou a traballar. O primeiro paso foi realizar unha memoria que se trasladou ás distintas administracións e foi o propio alcalde, José Luis Rivera, quen se encargou de presentala ante a Xunta de Galicia, mentres que outros concelleiros de Goberno a presentaban na Deputación Provincial de Lugo.

A idea é construír un novo depósito de almacenamento con máis capacidade para que en momentos de chuvia se poida dispoñer de auga nas mellores condicións sen ter que usar a da captación se ven turbia.

Os desbroces e outras necesidades do municipio

Outro tema prioritario ademais da auga son os desbroces, unha das maiores demandas dos veciños e no pasado verán dende a Concellería de Medio Rural tentouse cubrir todas as demandas cos GES.

Este ano conseguíronse 120.000 euros da Deputación Provincial para a compra dun tractor con desbrozadora co que se pretende cubrir as necesidades esenciais das aldeas e parroquias. Farase unha folla de ruta tentando que se chegue a todas elas.

Tamén a través da Deputación, concretamente do Plan Único, dispoñerase de 350.000 euros, que se destinarán a obras, turismo, servizos sociais, medio rural… tal e como está marcado dende o ente provincial.

No referente a obras a idea é tentar que estas “non sexan moi grandes pero que poidan cubrir todas as necesidades, dándolle prioridade ás máis necesarias”.

Tamén queren actuar regulando o tráfico e actuar ante o incivismo, “incivismo tanto dos propietarios de mascotas como dos que tiran o lixo en calquera parte”. No tráfico, poñerase énfase nos pasos de cebra e no cumprimento das normas de tráfico e de respecto aos cidadáns. No referente ás mascotas, dende a Concellería de Medio Ambiente colocáronse papeleiras con dispensador de bolsas para recoller os excrementos das mascotas, pero segue habendo unha relaxación neste sentido que se ten que erradicar; pasear os cans atados e recoller os excrementos é de obrigado cumprimento.

Pendente tamén se estivo dende Medio Rural dos vertedoiros incontrolados, a pesar de abrir gratuitamente un día ao mes o punto limpo, seguen aparecendo, polo que o equipo de Goberno velará para que este punto se utilice non por ser gratuíto, senon polo ben do medio ambiente.

Ademais, recentemente creouse a concellería para o Reto Demográfico e o primeiro paso foi unirse a plataforma Aldealista coa intención de axuntar esforzos para que a xente veña a vivir ao mellor val da zona.

A intención de poñer en marcha un coworking dirixido por profesionais para apoiar e orientar a futuros empresarios e facer un viveiro, un lugar físico, onde os novos empresarios poidan executar o aprendido ou poñer en marcha a súa empresa.

Ademais, o departamento de Servizos Sociais reactivou as instalacións do Centro Social, cubrindo a demanda existente e ofertando novas actividades como o Faladoiro que se acaba de poñer en marcha, mentres que se potencia o Centro de Día animando a coñecer estas instalacións e organizado xornadas de formación.

A área de Deportes continúa cubrindo toda a demanda deportiva e está moi centrada co maior evento deportivo co que conta Quiroga nestes momentos: o Quiroga Trail Challenge. Sen esquecer a importancia do turismo para Quiroga, vanse potenciar todos os recursos.

No referente aos nosos museos, unha das cousas positivas herdadas do anterior Goberno, vanse continuar coas xornadas de portas abertas que tanto éxito tiveron o pasado verán.

Pola súa parte, en Montefurado hai un proxecto para crear unha ruta que permita contemplar a boca de entrada do túnel romano, algo moi difícil neste momento. E coa intención de que se vexa o potencial e o valor turístico de toda a zona vanse poñer en marcha visitas guiadas a todos os recursos cos que se conta: rutas, fervenzas, arte urbana… dirixidas a todos os públicos pero tamén con xornadas específicas para nenos, mulleres e outros colectivos.