Skip to main content
Ribas de Sil

O PP de Ribas de Sil pide ao Goberno local sinalizar o derrubamento da estrada nas Pozas

Por 5 Febreiro, 2024Sin comentarios

Os concelleiros populares de Ribas de Sil fanse eco das queixas dos veciños “pola situación de inseguridade” que hai na estrada municipal que comunica o lugar das Pozas, tras sufrir o derrubamento da marxe inferior. Deste xeito, piden ao Goberno local socialista “facer as xestións oportunas para garantir a seguridade e que tanto os propios veciños coma o persoal doutros servizos poidan acceder á zona”.

O portavoz, Jose Rodríguez, explica que nestes momentos “a zona conta cunhas vallas e unha cinta; pero primeiro cremos que se debe estudar a situación e garantir que se poida empregar a estrada en condicións de seguridade”. Tamén piden que se sinalice como é debido, “advertindo previamente de cal é o perigo e, incluso, informando de rutas alternativas”.

E despois destas primeiras actuacións, os populares urxen a “facer as xestións oportunas para levar a cabo os traballos de reparación ou para habilitar un acceso seguro pola zona”. Os populares inciden na importancia de habilitar canto antes un acceso seguro para os veciños e os servizos que poidan necesitar como poden ser os de emerxencias e, incluso, para aqueles que “transcorren a diario pola zona como son as traballadoras de axuda no fogar”.