Skip to main content
Ribas de Sil

As novas instalacións do Xeocamping de Ribas de Sil acollerá visitantes, peregrinos e moitas actividades

Por 16 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Ribas de Sil vén de adxudicar as instalacións do Xeocamping a Aventeira, unha cooperativa sen ánimo de lucro con sede social en Ourense cunha traxectoria de máis de 5 anos no desenvolvemento de actividades de educación e tempo libre, así como a dinamización cultural.

Así, din que estas instalacións servirán para desenvolver os proxectos da cooperativa con rapaces e para conseguir traer xente ao Xeoparque Montañas do Courel, así como para dar aloxamento aos peregrinos do Camiño de Inverno e aos visitantes do Xeoparque e da Ribeira Sacra.

“Este será o primeiro campamento turístico temático de Galicia, xa que a súa actividade estará moi centrada na promoción do Xeoparque Montañas do Courel e contén dentro das instalacións o Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana”, explican desde o Concello.

A concesión administrativa das instalacións faise por un período de 10 anos e Aventeira terá que facer inversións estruturais por importe dun mínimo de 25.000 euros nos vindeiros 5 anos e pagar un canon anual de 3.500 euros, así como facerse cargo do mantemento e apertura do CIMAR nos horarios actuais.

As instalacións do novo xeocamping

O Xeocamping de Ribas de Sil contará con edificio de recepción, edificio de usos múltiples, edificio de servizos con 8 duchas e 8 baños, zona de lavandería, barbacoas e un total de 8 bungalós, dous deles adaptados para minusválidos.

Tamén terá 14 parcelas de acampada e un almacén para apeiros e unha pequena piscina, así como case que 2.000 metros cadrados libres para posibles ampliacións no futuro. A capacidade de aloxamento estará preto das 100 prazas.

A inversión total rolda o millón de euros, cunha aportación moi importante de fondos propios do concello e varias subvencións da Xunta de Galicia, de fondos Leader da Unión Europea e sobre todo do Plan Deputación de Lugo.