Skip to main content
Láncara

O PSOE defendeu a calidade da sanidade pública nun acto diante do centro de saúde de Láncara

Por 6 Febreiro, 2024Febreiro 7th, 2024Sin comentarios

O número catro da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Miguel Tomé López, achegouse ao centro de saúde da Pobra de San Xiao, en Láncara, acompañado do alcalde, Darío Piñeiro; o tenente alcalde e deputado provincial, Pablo Rivera, e concelleiros e concelleiras do Goberno municipal.

Así, na súa visita asegurou que con Besteiro na Xunta de Galicia “devolveremos a calidade á sanidade pública con máis investimentos e máis persoal” e denunciou a mala xestión do Goberno do PP, “que nestes últimos 15 anos converteu a sanidade pública nun mal endémico que sofren nos seus ambulatorios cada día os veciños e veciñas da meirande parte dos concellos da provincia de Lugo, por falta de médicos, exceso de carga de traballo e malas condicións laborais”.

“Estamos a vivir a maior crise da sanidade pública nas dúas últimas décadas, con listas de agarda quilométricas, nenos que non teñen pediatra, centros de saúde pechados ou atendendo segundo o día da semana, e a falta de profesionais polas precarias condicións laborais. Non se pode xogar así coa saúde dos nosos veciños e veciñas, e denunciámolo aquí en Láncara porque é o vivo exemplo de que imos camiño de perder a atención asistencial cada vez máis precaria e desatendida”.

Lembrou que xunto a Láncara “hai 14 concellos, con 33.000 veciños, con risco de perder aos seus médicos por xubilación en Sober, Pantón, O Páramo, Guitiriz, Castro de Rei, Samos, Monterroso, Pedrafita, As Nogais, O Incio, Antas de Ulla, Begonte y Portomarín”.

Rescatar a sanidade pública

Fronte a isto, “vimos a ofrecer esperanzas dixo o candidato, porque cun Goberno progresista liderado por Besteiro reverteremos estas cifras “rescatando a sanidade pública, máis en concreto a Atención Primaria, fixando un límite de 48 horas para fortalecer o sistema sanitario e poñer fin a incerteza de moitos enfermos, e ofrecendo as mesmas garantías aos cidadáns con independencia de que vivan nas grandes cidades ou no rural”.

Así mesmo, subliñou, que garatirán o traballo digno e con incentivos aos seus profesionais, reabrindo centros de saúde pechados.

Pola súa parte o alcalde lamentou ante o centro de saúde que “o de Láncara está na UCI porque dos tres médicos que tiñamos, un xubilouse e os outros dous están a punto de facelo”.

Denunciou Piñeiro o incumprimento do Goberno de Rueda, xa que tanto a Xunta como o voceiro do PP de Láncara: “Prometéronos que se cubriría a praza vacante e seguimos sen cobertura polo que hai unha sobrecarga na atención para os outros dous facultativos, e listas de espera que non había”.

Tamén criticou o investimento do PP no rural: “Non se pode dicir que están investindo no rural, que queren favorecelo se despois as medidas que toman son as de recortar en todos os servizos públicos fundamentais coma a sanidade, educación ou no transporte”.

Polo que, rematou dicindo o rexedor lancarés, “o 18 de febreiro a xente ten nas súas mans dúas posibilidades, elixir entre seguir como estamos coas políticas de recortes ou pola contra apostar polo cambio, e devolver aos concellos rurais a calidade na sanidade, na educación, no transporte e nos servizos sociais”.