Skip to main content
Sarria

O PP de Sarria pide saber se se remitiron os informes técnicos sobre o matadoiro á Fiscalía

Por 23 Febreiro, 2024Sin comentarios

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Sarria queren saber se o Goberno local deu traslado á Fiscalía dos informes técnicos sobre a recadación da taxa polos servizos do matadoiro municipal, tal e como se acordou a finais de xaneiro na última sesión da comisión de investigación sobre a súa situación económica.

A portavoz, Carmen José López, explica que “non nos consta que enviaran os informes á Fiscalía” e considera que “despois de que o Goberno local se negara a dar explicacións na comisión de investigación por terse descuberto un burato de máis de 200.000 euros nas contas do matadoiro, o menos que pode facer agora é cumprir co acordo de dar traslado dos informes á Fiscalía.  De feito, xa avogaba en novembro por enviar o caso á Fiscalía e ao Tribunal de Contas, pero non o fixera”.

Os populares inciden en que “o Goberno local ten que dar explicacións aos veciños e veciñas e asumir responsabilidades políticas, sen prexuízo de elevar a outras instancias as irregularidades na xestión económica do matadoiro municipal de Sarria”.

Cumprindo co seu labor de control, o Grupo Municipal Popular vén de solicitar información e documentación para “poñer luz” sobre un asunto que “denota a falta de rigorosidade do goberno local á hora de xestionar o Concello de Sarria” e sobre o que “os veciños e veciñas están pendentes e queren saber”.

Concretamente, na solicitude rexistrada este mesmo venres, López pide información e acceso á documentación sobre a data na que se remitiron os informes técnicos á Fiscalía e o número de rexistro de saída, no seu caso; sobre o estado actual no que se encontra a cuestión e o cumprimento do acordo adoptado pola Comisión de Investigación; así como copia de calquera documentación remitida pola Fiscalía e de actuacións ou dilixencias levadas a cabo por esta das que tivera constancia o Concello.