Skip to main content

Por Julio Díaz

As redes sociais xogan un papel clave no actual mundo dixital, xa que modifican a forma en que planificamos, interactuamos e, incluso, gozamos das nosas vidas.

As redes sociais teñen actualmente unha gran importancia na vida dos adolescentes. A labor das familias e dos centros educativos resulta imprescindible para aproveitar as posibilidades que ofrecen e frear os perigos que suscitan.

O mundo dixital chegou para revolucionar a forma de vida da nosa sociedade cambiando tamén a planificación e interacción no noso ámbito educativo. Hoxe en dia, resulta evidente que as redes sociais no ensino son unha ferramenta fundamental para impulsar un novo modelo de ensino – aprendizaxe do noso alumnado.

Nas últimas décadas as redes sociais chegan ao público infantil e xuvenil proporcionando unha ampla información que anteriormente tiñan restrinxida. De feito, a única maneira que tiñan antes de aprender era ler un tema ata chegar a memorizalo mais, isto cambiou coa evolución do uso das TICs no ensino, xa que o emprego das distintas plataformas pode resultar beneficioso na aula e permitir a adquisición de coñecementos doutro xeito.

Fai anos era case inimaxinable que un alumno colaborara con outro que vivía no outro extremo do mundo. Hoxe, estudantes de diferentes centros educativos e de diferentes países poden compartir coñecementos, intercambiar proxectos e traballar en equipo. Isto é especialmente relevante nos programas Erasmus, xa que as redes permiten que, previamente á mobilidade, os alumnos se coñezan compartindo gustos, afeccións… e posteriormente, permitindo amosar publicamente tanto as actividades realizadas como os materiais elaborados nese período de traballo compartido. Son de feito as familias dos alumnos implicados no proxecto as primeiras beneficiadas desa impresionante canle de información. Este é o concepto de rede social, o de promover a socialización dos usuarios.

Os beneficios do uso das redes sociais na educación van desde ensinar ao alumno a aprender por si mesmo ata promover o uso das TICs. Isto permítelle desenrolar as competencias dixitais e tecnolóxicas necesarias para explorar diferentes proxectos educativos, fomentando o valor de compartir e colaborar ao tempo que toman conciencia de socializar e traballar en equipo mediante unha busca de información distinta, que pasa de ser unha tarefa tediosa a ser amena e colaborativa.

Son múltiples os exemplos de como usar as redes sociais no ensino. Pode crearse un grupo privado para organizar debates, asumindo diferentes roles para aprender a empatizar e respectar outras opinións. Pódense compartir traballos e proxectos feitos na clase ou, así mesmo, buscar fake – news, tuitear nunha lingua estranxeira, documentar un tema con fotografías, crear un vídeo, localizar imaxes para situar en mapas xeográficos, crear un álbum de clase coas saídas fóra do centro, escoitar outros idiomas…

Son moitos os beneficios que ofrece o uso das redes sociais na aula pero sempre hai que ter presente os seus posibles efectos negativos, xa que para algún estudante vólvese tan natural buscar información en redes que a resolución de consultas tradicionais resulta complicado. O seu uso intensivo tamén pode derivar en que se acabe navegando por moitas redes aumentando deste xeito a distracción ou que, incluso, este uso intensivo acabe afectando á comunicación interpersoal entre os rapaces.

En definitiva, o uso das redes sociais vai mais aló do entretemento e socialización. Cun control adecuado pode ser tamén un método educativo eficaz que, ademais, parte coa vantaxe de que nos conecta cuns alumnos nativos dixitais.