Skip to main content
LugoOuteiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXASamosSober

Música, tradición oral e olería no novo ciclo de concertos que se inaugura en Lugo

Por 29 Febreiro, 2024Marzo 1st, 2024Sin comentarios

Un novo ciclo de concertos aglutina en Lugo música, tradición oral e olería. Trátase da aposta As cegas de Ouselle, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, coa que se recupera o repertorio deste trío feminino que tocaba e cantaba de feira en feira nos anos trinta do século pasado.

Aldara Palmeiro (violín e voz), Miguel Lustres (acordeón e voz) e Antón Castro (zanfona e voz) interpretarán, desde unha perspectiva actual, os romances, cancións e pezas para o baile das coñecidas como cegas de Ouselle, incorporando á posta en escena tamén outros elementos como réplicas dos carteis cos que se presentaban nas feiras.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que os concertos desenvolveranse en emprazamentos “relacionados coa olería, ligando así dous elementos do noso patrimonio cultural presentes nas feiras tradicionais” e contribuíndo a dinamizar os fornos que se conservan nos centros oleiros de Samos, Bonxe e Gundivós.

A primeira actuación será este xoves no Vello Cárcere ás 18.30 horas, coincidindo coa inauguración da exposición Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, que inclúe unha selección de 250 pezas de cerámicas singulares e de uso cotiá na casa galega. O 30 de marzo, actuarán no forno de Pepa Lombao, na Veiga en Bonxe (Outeiro de Rei), o 20 de abril no forno de Lulle en Roxofrei (Samos), e o 11 de maio na reitoral de Gundivós (Sober).