Skip to main content
As Pontes

Besteiro e Formoso anuncian o segundo nó de transición xusta de España para As Pontes

Por 2 Febreiro, 2024Sin comentarios

Besteiro adiantou que “significa devolverlle a Galicia o seu protagonismo enerxético, agora no campo das renovables, 1.200 millóns de euros e 500 empregos directos nos municipios, ademais da construción da nova central de transformación nas Pontes cun investimento de 13 millóns de euros”.

Os socialistas explicaron que grazas ás xestións de José Ramón Gómez Besteiro, candidato á presidencia da Xunta, e Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, Galicia será protagonista do segundo concurso convocado polo Goberno de España para adxudicar novos nós de transición enerxética xusta en España. “Os nós canalizan a enerxía dos parques eólicos cara ás autoestradas de alta tensión e son absolutamente estratéxicos para o crecemento económico e industrial do noso país”, explicou Besteiro.

Así o anunciaron esta mañá en Santiago porque o Ministerio de Transición Ecolóxica sacará a poxa o nó de Cerceda e a creación do das Pontes, con 400 MW e 800 MW de potencia, respectivamente.

“Unha vez máis somos os socialistas os que traemos postos de traballo a Galicia, o que é incapaz de facer Rueda. Devolvémoslle a Galicia o seu protagonismo enerxético, agora no campo das renovables, 1.200 millóns de euros e a creación de 500 empregos directos nos municipios das Pontes e Cerceda, ademais da construción da nova central de transformación nas Pontes cun investimento de 13 millóns e a contratación de centos de persoas”, destacou Besteiro.

“A poxa do Goberno adxudicará a potencia aos proxectos que signifiquen maior investimento e creación de emprego”, sinalou e subliñou que se trata dos “segundos nós de transición xusta de España”, tras a experiencia do nó da antiga central térmica de Mudéxar (Andorra), de 1.200 MW, no que Endesa resultou adxudicataria cun investimento de 1.500 millóns de euros, 650 empregos directos e 3.500 durante a construción da infraestrutura.

Os nós de transición xusta, segundo ampliou o secretario xeral do PSdeG e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, “son infraestruturas onde a capacidade de acceso á rede eléctrica, liberada tras o peche das centrais térmicas, adxudícase mediante concurso para que sexa empregada polas novas centrais de enerxías renovables que se conecten co nó”. Afirmou que “estes nós de transición permitirán evacuar a enerxía dos proxectos renovables que están previstos para ámbolos dous municipios, como as centrais de bombeo reversible proxectadas para os lagos das Pontes e Meirama”.

Formoso detallou que, no caso das Pontes, o concurso anunciado polo Goberno suporá inicialmente un investimento de 13 millóns de euros para crear o citado nó de transición, debido a que segundo certifica Rede Eléctrica non existe capacidade de evacuación na propia central térmica.

Isto fará necesaria a construción dunha nova central de transformación, que se situará no lugar de Maciñeira e que servirá tamén para reforzar a subministración eléctrica aos demais proxectos industriais anunciados para As Pontes, explicou o secretario xeral.

Caso singular en España

“É o único caso de España onde se vai facer algo semellante”, engadiu Formoso, que destacou que este abultado investimento económico e de xeración de emprego “súmase a outros importantes proxectos xa en tramitación, como a fábrica de ENCE ou a planta de hidróxeno de Reganosa, nos que levamos moito tempo traballando e que devolverán ás Pontes o seu liderado enerxético, agora no campo das renovables”.

Longas xestións de Besteiro e Formoso

“Tanto Besteiro como eu tivemos moitas viaxes a Madrid, moitas reunións co Ministerio e con Rede Eléctrica para lograr este fito que fai xustiza coas Pontes e tamén con Cerceda”, sinalou Formoso. Besteiro agradeceu “que o Goberno de España e o Ministerio de Transición Ecolóxica invistan en Galicia, que significará que as empresas que compitan na poxa teñan que investir e xerar emprego de calidade no noso país”.