Skip to main content
As Pontes

Hereu visita as Pontes e defende o orzamento do Estado na industria

Por 9 Febreiro, 2024Sin comentarios

O ministro de Industria e Turismo invita aos empresarios a ir da man co Goberno no proceso de transformación da industria galega.

O ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, confirmou que o Goberno de España executou en Galicia un investimento de máis de 1.700 millóns de euros só en materia de industria nos últimos cinco anos. Hereu fixo estas declaracións durante unha reunión con empresarios da comarca das Pontes, a quen animou a aproveitar as grandes oportunidades de transformación nos seus sectores industriais.

Para o ministro “As Pontes é un magnífico exemplo de transición enerxética que, xunto á dixital, son as dúas grandes transicións nas que está a traballar o Goberno. Galicia é un escenario privilexiado para impulsar a reindustrialización en España”. Tamén recoñeceu a implicación do Goberno en moitos proxectos de novas enerxías, como a do hidróxeno verde, e en industrias manufactureiras. “Estamos a inxectar importantes cantidades de fondos para axudar á transformación da industria”.

Durante o encontro empresarial, o ministro referiuse aos diferentes Perte que activou Industria e a cuxas convocatorias accederon empresas galegas. Destes Perte convocados, Galicia obtivo 108 millóns de euros que chegaron a 212 empresas galegas participantes en 89 proxectos: “Quero ver os Perte con rostros humanos e faremos o seguimento destas transformacións”, sinalou Hereu.

En concreto, as empresas de automoción e compoñentes galegas recibiron un total de 53 millóns de euros do Perte VEC. Tamén os estaleiros galegos han recibido 35 millóns de euros do Perte naval para mellorar a súa competitividade e innovación, que se suman aos 87 millóns noutros programas de apoio ao sector naval, sen esquecer a contratación das fragatas F110 coa participación de Navantia Ferrol, Indra ou Tecnobit.

En canto ao Perte agro, as empresas galegas beneficiáronse de 19,5 millóns de euros para 37 proxectos. Por último, dentro do Perte de descarbonización, recibíronse 8 solicitudes de empresas galegas por un importe de 80 millóns de euros na convocatoria da liña 1 de axudas.

Hereu finalizou facendo un chamamento aos empresarios para ir da man co Goberno para transformar a industria galega. “Traballaremos para que a industria sexa un sector de pactos”, engadiu o ministro.

O alcalde, Valentín González Formoso, aproveitou este encontro para subliñar as potencialidades das Pontes “un enclave industrial diversificado e afeito a acometer proxectos tractores para a economía do concello e a comarca” solicitando “axilidade administrativa por parte das Administracións responsables implicadas no desenvolvemento dos proxectos empresariais presentes e futuros planificados para a comarca”.