Skip to main content
As Pontes

O Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña suporá un investimento de case 1,5 millóns de euros no Concello das Pontes

Por 10 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello das Pontes aprobou as actuacións que serán financiadas pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos (POS 2023) e que suporán un investimento de 1.403.798 euros.

A achega da Deputación da Coruña inclúe tres partidas, unha de 505.780,81 euros euros correspondentes á achega provincial do ano 2024, outra correspondente á achega do 2023, cunha contía de 392.238 euros, e unha última partida de 1.022.937 euros, correspondente ao POS Complementario 2023.

Estas achegas permitirán executar 10 proxectos que seguen a folla de ruta marcada polo Goberno municipal para mellorar a calidade de vida da veciñanza e renovar e ampliar os servizos públicos do municipio.

A achega provincial 2024 destinarase ao gasto corrente, mentres que a asignación da achega 2023 destinarase ao proxecto de rehabilitación da edificación para o local sociocultural na Praza da Igrexa, cun orzamento de 312.817,10 euros. Por outra banda, dedicaranse 79.421,08 euros ás obras de mellora do firme na Avenida das Veigas e na Rúa Pardo Bazán.

Pos complementario

O pleno municipal tamén aprobou o POS Complementario, que suporá un investimento de 1.022.937 euros destinados a oito actuacións, entre as que se atopan o proxecto de mellora de servizos e pavimentos na Avenida de Lugo (no 21-45), cun orzamento de 165.341,15 euros; o proxecto de renovación dos servizos urbanos de saneamento e pluviais, a iluminación pública na marxe esquerda do tramo da Avenida das Campeiras situado entre a intersección da rúa Covelos e o número 66 da citada avenida, valorado en 112.041,49 euros, así como o proxecto básico e de execución de mellora de servizos e pavimentos da Rúa A Balsa, cun orzamento de 109.053 euros.

Destinarase unha partida de 179.465 euros ao proxecto de mellora da beirarrúa e dos servizos na marxe dereita da Rúa Rego do Muíño, no tramo comprendido entre os números 3 e o 44) e unha partida de 19 207.862,90 euros destinada á mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Lugo.

Así mesmo, investiranse 55.283,85 euros na reparación e mellora do firme en Gondré e O Castro, 109.346,76 euros dedicaranse á mellora do firme e a seguridade viaria no Parañoa e 84.542,30 euros ao proxecto de pavimentación do viario ao Niño de Azor, San Xoán do Freixo.

O pleno tamén aprobou o POS adicional para gastos extraordinarios do exercicio 2024 por valor de 144.508 euros, destinados a gasto corrente da área de servizos sociais e que permitirán reforzar o servizo de axuda a domicilio.