Skip to main content
As Pontes

O BNG das Pontes demanda axudas pola perda de ingresos co peche da central

Por 15 Febreiro, 2024Sin comentarios

O deputado nacionalista Néstor Rego vén de rexistrar varias iniciativas e preguntas para demandar do goberno do Estado, nomeadamente do Ministerio de Facenda, o inicio de negociacións cos concellos afectados polo peche de centrais térmicas de carbón, como As Pontes e Cerceda en Galicia, e a posterior aplicación, de forma urxente, dun mecanismo de compensación pola perda de ingresos municipais, cando menos polo Imposto de Actividades Económicas (IAE) e polo de Bens Inmóbeis de Características Especiais (Ibibices ou contribución), derivada do peche anticipado, non planificado, e por causas políticas; a demanda fundaméntase na defensa do principio de suficiencia financeira das entidades locais, garantido pola lexislación.

A proposta toma como referencia as consecuencias nas Pontes, xa estabelecidas en marzo de 2021 no estudo elaborado por unha equipa de investigación da Universidade da Coruña, do que forma parte o ex-Presidente da Xunta o socialista Fernando González Laxe, no que, baixo o título de Impacto Socioeconómico nas Pontes da Descarbonización Enerxética, concretan en case que 1.500 os postos de traballo destruídos, un aumento do desemprego local de máis do 250%, unhas perdas salariais de 34 millóns de euros anuais, e outros 33 millóns ao ano de perdas en rendas da propiedade e da empresa.

Dende o punto de vista dos ingresos do Concello, un informe técnico municipal fixa nun 42% a baixada no IAE, nuns 670.000 euros anuais, cantidade que vai en función do número de grupos da Central dispoñíbeis, polo que a metade deixou de pagala Endesa xa en 2021. Pero a cantidade máis importante é a da contribución, que supón uns 2 millóns de euros anuais, que Endesa deixa de ingresar ao ano seguinte do que figure na acta de peche, segundo indicacións da Dirección Xeral do Catastro, dependente do Ministerio de Facenda; chama a atención o feito de que dito criterio sexa moi favorábel para Endesa en prexuízo da administración pública municipal e, polo tanto, dos intereses veciñais, xa que, de terse escollido como referencia o remate do desmantelamento e a dispoñibilidade do solo para outro uso, o Concello mantería o ingreso entre 5 e 7 anos máis. É dicir, uns 10- 14 millóns de euros de aforro para Endesa e de perdas para As Pontes.

Dende o BNG das Pontes critícase a pasividade e inactividade do goberno municipal do PSOE, xa que dende vai anos ten informes técnicos que xustifican a demanda da compensación; tamén preguntan ao Alcalde pola utilidade da Asociación de Municipios para una Transición Energética Justa, constituída logo da chamada Declaración de Carboneras en 2019, presidida polo propio alcalde, e que tiña entre os seus obxectivos, a curto prazo, “paliar o prexuízo causado nas economías municipais”.