Skip to main content
As Pontes

A Xunta compra 5 hectáreas máis para o parque natural Fragas do Eume

Por 17 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Xunta de Galicia amplía este mes a superficie pública do parque natural Fragas do Eume coa adquisición de seis parcelas, cunha superficie total de preto de cinco hectáreas.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángelez Vázquez, asinou hoxe a escritura de compravenda das primeiras tres parcelas privadas que compra o Goberno galego. Estes terreos suman algo máis de dúas hectáreas e localízanse nos concellos de Cabanas e As Pontes de García Rodríguez. Nos vindeiros días formalizarase a adquisición das tres parcelas restantes.

Logo de lembrar que este espazo natural conta xa cun Plan de uso e xestión, Ángeles Vázquez explicou que o obxectivo da compra destes terreos é realizar actuacións de conservación e restauración “de zonas de máximo interese desde o punto de vista ecolóxico” eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas.

A Xunta considera de vital importancia a realización de actuacións que persigan tanto incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación como asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade dos ecosistemas e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos naturais degradados.

Estas medidas enmárcanse no compromiso do Goberno galego de facer compatible a protección e preservación dos valores, hábitats e principais especies de flora e fauna que alberga este territorio cunha actividade económica sostible.

O Parque Natural Fragas do Eume atópase nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o devandito río. Estas características explican por que é, a día de hoxe, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitoriais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa.