Skip to main content
As Pontes

“Contamos con varios servizos para mellorar a calidade de vida”

Por 25 Febreiro, 2024Febreiro 26th, 2024Sin comentarios

María San Miguel é a educadora social en A Xanela, a asociación de discapacitados activos. Explica o traballo que realizan dende a asociación.

Como son os comezos de Xanela?

A asociación é unha xanela para as persoas con diversidade funcional, que leva en funcionamento dende hai aproximadamente vinte anos. Nos seus comezos nace polas inquedanzas das familias pontesas con persoas nesta situación e pouco a pouco foise profesionalizando. Actualmente contamos con diferentes servizos que teñen a finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas coas que traballamos.

Cales son os principais problemas das persoas coas que traballan?

Por un lado a falta de recursos, tanto sociais como sanitarios, a accesibilidade, o incumprimento dos seus dereitos, sobre todo das mulleres e por outra banda en termos sociais, a soidade.

Como traballan dende a asociación estas problemáticas?

En A Xanela contamos con servizo de terapia ocupacional que se encarga das partes de rehabilitación e da estimulación cognitiva e física, así como da adaptación e da accesibilidade no fogar. Na asociación tamén contamos con servizo de psicoloxía, que traballa a parte emocional e dende o servizo de educación social traballamos a parte de sensibilización. Temos un programa que se chama As Pontes Contigo que traballa a visibilidade e en amosar a sociedade as problemáticas e os dereitos que non se cumpren desta parte da poboación.

Que tipo de actividades realizan a través deste programa?

Dende o programa das Pontes Contigo realizamos actividades coma a carreira solidaria, facemos formacións de duelo compasivo nas aulas e tamén formacións e sensibilizacións nas diferentes universidades galegas así como faladoiros e formación nun ámbito máis profesional. Ademais, contamos tamén cun campus, Xanela envellecemento e dependencia, onde mostramos as principais problemáticas sobre o envellecemento e o coidado, é importante protexer tamén ás persoas coidadoras e darlles esa parte de formación e apoio emocional. Nós cremos que a intervención non pode ser só individual senón que ten que ser tamén familiar e social.

“Nos últimos anos o tema da accesibilidade mellorou moito nas Pontes”

A nivel de accesibilidade, cal é a situación actual das Pontes?

A verdade é que nos últimos anos o tema da accesibilidade nas Pontes mellorou moito pero os usuarios que teñen máis problemas de mobilidade física pois si que seguen reclamando que hai certos espazos aos que non poden acceder. Entón aí temos un pequeno proxecto para este 2024 no que queremos demostrar os problemas de accesibilidade das Pontes polo Día da Discapacidade, o 3 de decembro, a idea é facer un proceso participativo no que eles mostren estas dificultades. Hai que recoñecer que se mellorou moito no municipio pero aínda queda e a nivel público estase moito máis avanzados que a nivel privado.

Como se pode colaborar coa asociación?

Nós recibimos todo tipo de colaboración e a maior axuda que se nos pode dar é ser socios, vir a visitarnos e abrir un pouco Xanela á sociedade para que nos coñezan. Tamén recibimos axudas de empresas que colaboran con nós e persoas que a nivel individual nos axudan aportando cousas que necesitamos. Tamén aceptamos voluntariados, pero o máis importante é vir visitarnos.

É necesario ser socios para poder desfrutar dos seus servizos?

Non, nós somos unha asociación aberta na que atendemos a persoas socias e non socias, pero si es socio as tarifas son diferentes, polo tanto o único que cambia son os prezos, que xa son moi económicos, porque nós non estamos para beneficiarnos senón que somos unha entidade de utilidade pública.

Teñen algunha necesidade como asociación neste momento?

A verdade é que estamos nun momento moi bo, Xanela comezou como algo familiar e pequeniño que funcionaba a través de voluntariado, e os nosos principais problemas son os económicos. Cando ti queres desenvolver certo tipo de proxectos as limitacións son as que son. Ademais, está o espazo, cada vez a sociedade necesita máis espazos coma o noso, cada vez somos máis e cada vez o espazo vai quedando máis pequeniño. Polo tanto as principais necesidades que temos son económicas e de espazo, porque si tivésemos máis local poderiamos ser máis profesionais e atender a máis persoas. Aínda así, estamos moi agradecidos porque temos moito apoio tanto a nivel institucional como das empresas privadas.

Como se pode colaborar para facilitar a vida destas persoas?

En termos sociais diría que máis empatía, coidar moito a linguaxe que usamos porque se tende a infantilizar tanto as persoas con diversidade funcional como as persoas maiores, intentar poñerse na pel dos demais e non ver a situación como algo alleo porque lle pode pasar a calquera e hai que normalizalo. Mellorar a accesibilidade para que as persoas con diversidade e as persoas maiores estean onde deben estar, en todos os espazos, e mellorar a participación social e a participación política, que se vexan como o que son, persoas adultas.