Skip to main content
As Pontes

A Xunta completa a primeira ampliación do Parque Natural Fragas do Eume

Por 29 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Xunta de Galicia completou hoxe a adquisición do primeiro lote de seis parcelas de titularidade privada, cunha superficie total de preto de cinco hectáreas, que pasan a formar parte dos terreos de propiedade pública do Parque Natural Fragas do Eume. Fíxoo trala compra de tres parcelas situadas no concello de Monfero que suman máis de 2,9 hectáreas.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, asinou hoxe a escritura de compravenda desas tres propiedades que se engaden a outras tres adquiridas o pasado 16 de febreiro -dúas no concello de Cabanas e unha nas Pontes de García Rodríguez- cunha superficie total de algo máis de dúas hectáreas.

A responsable autonómica explicou que este espazo natural conta xa cun Plan de uso e xestión e que o obxectivo da compra destes terreos é realizar actuacións de conservación e restauración de zonas de máximo interese desde o punto de vista ecolóxico eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta habilitou un orzamento de 1,1 millóns de euros para afrontar este tipo de adquisicións e que na actualidade o Executivo galego ten localizadas unhas 400 parcelas -que suman 200 hectáreas- para avaliar a súa posible compra. De feito, está previsto adquirir novos lotes de parcelas nos vindeiros meses cos que a superficie pública no Parque Natural Fragas do Eume medraría -en función da dimensión final dos terreos incluídos- entre 40 e 75 hectáreas.

O Goberno autonómico considera de vital importancia a realización de actuacións que persigan tanto incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación como asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade dos ecosistemas e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos naturais degradados.

Estas medidas enmárcanse no compromiso da Xunta de facer compatible a protección e preservación dos valores, hábitats e principais especies de flora e fauna que alberga este territorio cunha actividade económica sostible.

O Parque Natural Fragas do Eume atópase nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o devandito río. Estas características explican por que é, a día de hoxe, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa.