Skip to main content
AlfozCultura AMARIÑAXA

Romina Lorenzo, Asociación Veciñal de Mor: “A báscula onde pesaban as vacas aínda se conserva a día de hoxe”

Por 10 Marzo, 2024Marzo 11th, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

San Pedro de Mor é a parroquia máis poboada de Alfoz e ten aproximadamente 470 habitantes. O seu nome deriva de Mor deriva de Mauri, forma en xenitivo de Maurus, nome de orixe latina, de feito este lugar é citado en 1124 como “sanctus Petrus de Mauri”, e coa forma máis evolucionada “sanctum Petrum de Mour” en 1164 . Xa no século XVIII aparece como “Mór”. Nela existe unha animada asociación veciñal que pretende axudar e manter as boas relacións cos veciños.

San Pedro de Mor é a parroquia máis poboada de Alfoz e ten aproximadamente 470 habitantes. O seu nome deriva de Mor deriva de Mauri, forma en xenitivo de Maurus, nome de orixe latina, de feito este lugar é citado en 1124 como “sanctus Petrus de Mauri”, e coa forma máis evolucionada “sanctum Petrum de Mour” en 1164 . Xa no século XVIII aparece como “Mór”. Nela existe unha animada asociación veciñal que pretende axudar e manter as boas relacións cos veciños.

Cando e como nace a Asociación Veciñal de Mor?

Formouse a primeiros do ano 2019 nunha reunión que se organizou cos veciños e veciñas da parroquia.

Con que motivación xorde?

Xurdiu a idea de facer unha directiva para poder organizar as festas e outros eventos nos que xuntar á veciñanza. Sempre quixemos axudar aos veciños e como no resto das parroquias xa existía algunha asociación pois nos quixemos crear unha tamén. O principal é e será axudar á veciñanza.

Por que ese nome?

É o nome da nosa parroquia, San Pedro de Mor.

E o logo que significa?

O noso símbolo representa a báscula onde antigamente se pesaban as vacas na histórica Feira de Correlos. Aínda se conserva a día de hoxe e é unha das poucas básculas de feira na comarca. Por iso exerce como símbolo da parroquia de Mor.

Que obxectivos teñen?

O noso principal obxectivo é o de dinamizar a parroquia. Para ese labor organizamos as festas na honra do patrón San Pedro e a do Carme, tamén algún magosto, e no Nadal 2023 organizamos xunto a Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo un mercado. Este Mercado de Nadal foi todo un éxito e se podemos, repetirase. Por outra banda, estamos planificando algunha excursión para a última semana de abril.

Quen conforma a asociación?

A directiva está formada por 11 membros e máis dun centenar de socias e socios. A presidenta desde este ano 2023-2024, son eu, Romina Lorenzo. E nun primeiro momento, cando se creou a asociación o presidente foi Ramón.

Teñen apoio institucional ou dalgunha entidade?

Si, contamos co apoio do propio Concello de Alfoz, e ademais coa cota de socios que é de 25 euros ao ano. Para a organización de festas adoitamos pedir colaboración veciñal.

Como é a relación coa nova alcaldesa ou o novo equipo de Goberno?

Coa nova alcaldesa, Efigenia, levámonos moi ben, pero tamén había moi boa relación co anterior rexedor, Jorge Val. En xeral, todas as relacións co Concello son boas xa que nos dan moitas facilidades.

Que lle piden ao Goberno local?

Que siga apoiándonos e ofrecéndonos subvencións para as diversas actividades que organizamos durante todo o ano.

E doutras asociacións e colectivos?

Colaboramos nalgunha ocasión con outras asociacións, como por exemplo, o pasado mes de decembro organizamos o primeiro Mercado de Nadal xunto coa ACX O Castelo.

Que tipo de actividades fan?

Facemos actividades durante todo o ano e ademais de todo tipo, como as festas patronais, as festas do Carme, o San Xoán, algunha celebración de magosto, viaxes, obras de teatro, etc.

De feito, este ano pasado 2023 fixemos un xantar campestre o día do Carme no campo da festa O Atrio, cando antes sempre faciamos unha cea, e foi un éxito total. Nesta ocasión volvemos á organización da festa tradicional ou antiga, que contaba con misa, festa e comida de todos os veciños no campo, e que rematou a última hora da tarde .

Que accións futuras teñen en mente poñer en marcha?

Queremos achegar máis actividades culturais e de ocio á parroquia. Pero pouco a pouco.

Estas iniciativas teñen ou terán boa aceptación entre os veciños?

A verdade é que si, temos unha veciñanza moi unida e participativa. Así dá gusto organizar cousas.

Contan con local social?

Si, o noso está situado na casa da cultura, pois no caso das demais parroquias de Alfoz teñen escolas unitarias que xa non funcionan como tal e úsanas de local. Pero en Mor, o edificio segue sendo escola, polo que o Concello cedeunos o uso da casa da cultura, así como para algunha actividade o pavillón polideportivo.