Skip to main content
Barreiros

As actividades planificadas para marzo polo Concello de Barreiros estarán centradas nas mulleres e nas crianzas

Por 1 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello de Barreiros iniciou a semana pasada unha serie de actividades enmarcadas no programa +Igualdade cunha xornada formativa para o persoal da Escola Infantil Municipal centrada na detección temperá de sinais de alarma que afectan ao desenvolvemento evolutivo das nosas crianzas. A xornada formativa foi impartida de xeito altruísta pola Asociación Guillén Veiga Iglesias e responde á aposta deste goberno pola formación troncal e continuada das persoas que educan ás nosas crianzas desde os seus primeiros anos de vida, que son claves no axeitado desenvolvemento integral das mesmas.

A alcaldesa, Ana Ermida, expresou que “consideramos fundamental promover unha educación igualitaria desde as etapas máis temperás da vida. As actividades do programa +Igualdade son clave para construír unha sociedade máis xusta e equitativa”.

Neste contexto, a concelleira de igualdade, Montse Porteiro, fixo entrega na Escola Infantil dunha colección de contos infantís financiados con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Estes abordan temas esenciais na formación das crianzas tales como emocións, estereotipos de xénero, diversidade, sexualidade e prevención de abusos, sempre adaptados as súas idades. “É un deber proporcionarlles ferramentas desde moi cedo que promovan a igualdade, a empatía e o respecto mutuo. Estes contos financiados grazas aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero son un paso importante nesa dirección”, afirmou Porteiro.

As actividades do mes de marzo centraranse nas mulleres e crianzas. 

As actividades planificadas para marzo polo Goberno barreirense, centradas nas mulleres e nas crianzas, foron detalladas pola concelleira de igualdade, Montse Porteiro. “Comezaremos o mes de marzo con outra actividade formativa na Escola Infantil Municipal ofrecendo un curso para as e os traballadores centrado na aprendizaxe de primeiros auxilios nas idades pediátricas, formación catalogada como imprescindible pola comunidade científica e que permite salvar a vida das nosas crianzas cando se presentan episodios graves como un atragoamento ou unha apnea”. A formación terá lugar o próximo 4 de marzo e será impartida por Matronas e Nais.

No marco do Día Internacional da Muller, 8 de marzo, está programada a lectura do manifesto institucional na Praza do Concello ás 13 horas. A concelleira tamén anunciou un obradoiro de musicoterapia para mulleres impartido pola musicóloga e musicoterapeuta María Fuente no centro sociocultural de San Cosme ás 11 horas. “O obxectivo deste obradoiro, -Sandar desde a creatividade-, non é outro máis que a creación dun espazo pensado para as mulleres onde expresarnos a través da música, crear e traballar o autocoidado, tantas veces esquecido pola dedicación aos demais no papel de coidadoras que a sociedade ten reservado tradicionalmente para as mulleres.” Para participar neste obradoiro é precisa a reserva de praza no teléfono 629 668 251.

Para rematar o mes de marzo, a área de Igualdade programa unha nova edición, por terceiro ano consecutivo, da Escola de Familias impartida por Disciplina Positiva A Mariña. Montse Porteiro sinalou que “estes obradoiros, que se desenvolverán con periodicidade mensual a partir do 23 de marzo, abordarán cuestións tan importantes como a igualdade, o respecto, á diversidade, a identificación e evitación dos abusos, as enfermidades de transmisións sexuais que están a aumentar na poboación xeral máis tamén na adolescencia, ou a autoestima e autoconfianza”. Estes obradoiros darán comezo o sábado 23 de marzo ás 10 horas no centro sociocultural de San Cosme e consistirán en tres sesións con periodicidade mensual. Haberá tamén un espazo dedicado ás crianzas co obxectivo de facilitar a conciliación á vez que se lles proporciona tamén formación mentres xogan ou desenvolven actividades.

O Concello de Barreiros celebra a continuidade e a participación veciñal cada vez maior e anima á comunidade a implicarse nas actividades programadas, financiadas tamén con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.