Skip to main content
Burela

O PP de Burela di que o Goberno local “está a incumprir a lei por recorrer a fórmulas extraordinarias”

Por 14 Marzo, 2024Sin comentarios

Os concelleiros do PP de Burela advirten do “desastre na xestión económica do Concello por parte do bipartito”; xa que “están a recorrer de forma habitual a un procedemento que a lei recolle con carácter extraordinario e que, polo tanto, podería constituír un presunto caso da súa vulneración”.

“O equipo de Goberno integrado por PSOE e BNG deulle adiante no pleno extraordinario a un expediente cheo de irregularidades e anomalías co que se aproba un recoñecemento extraxudicial de crédito de 340.000 euros onde se inclúen factura do verán do 2023; obviando as advertencias da viceportavoz do Partido Popular, Encarnación Bernal”, din os populares.

“O Goberno de Burela está a empregar esta fórmula que debería ser extraordinaria para poder traballar, debido á súa incapacidade para elaborar uns orzamentos municipais. Actualmente o Concello funciona cuns orzamentos prorrogados do ano 2022 e o equipo de goberno municipal non ten traza de presentar proximamente ningún proxecto de orzamento novo”.

O equipo de goberno de Burela tamén aprobou o reparto do salario da alcaldesa, que pasa a cobrar dedicación exclusiva da Deputación de Lugo, entre concelleiros do seu goberno. “Á vista de que o argumento empregado pola rexedora socialista para defender esta decisión foi premiar a súa labor, os populares pregúntanse se estas labores ás que fai referencia son por exemplo que a concellería de Economía e Facenda non teña aprobado un presuposto no que vai de mandato ou que non teña remitido aínda ao Consello de Contas de Galicia a documentación requirida ao Concello por unhas anomalías detectadas nos anos 2019 e 2020”, engaden os populares.

Dende o PP local tamén condenan “a diferenciación no salario que percibirán as concelleiras con respecto aos seus homólogos homes. Especialmente “cando a  alcaldesa fai pouco abandeiraba a loita pola igualdade entre homes e mulleres, pero agora premia cun 12 % máis de salario por unidade de xornada laboral aos seus concelleiros que ás súas concelleiras. Parece que para o goberno local o labor das súas concelleiras é menos importante ou debe ter menor retribución que a dos concelleiros homes”.

PLAN ANTIFRAUDE

O Grupo Municipal Popular xa advertira en plenos anteriores que o Concello estaba incumprindo a lei en materia antifraude porque “debería terse aprobado un plan antifraude no Concello fai un ano”. A alcaldesa trouxo a este pleno extraordinario “un borrador que é un brinde ao sol, unha mera declaración de intencións, porque non recolle os protocolos axeitados e ben definidos para que calquera funcionario, funcionaria ou persoal do Concello poida, con total seguridade e garantía legal, denunciar calquera tipo de irregularidade contable”.

É que o documento “só considera fraude as irregularidades á hora de usar os fondos da Unión Europea, pero se os fondos teñen outra procedencia non o consideran fraude”, advirten.

E, ademais, sinalan que “a propia auditoría ou autoavaluación que fixo a comisión antifraude creada pola alcaldesa, outorga ao Concello 18 puntos de 64 posibles. É dicir, o Concello de Burela non superou a súa propia autoavaliación”.

FORMAS REPROBABLES

Dende o PP local condenan as malas formas dos grupos políticos que conforman o goberno local co portavoz popular porque “demostran a falta de respecto polo labor dos cargos electos polos veciños e veciñas”. De feito, “no último pleno o grupo socialista interrompeuno en varias ocasións para evitar que falara do que considerase oportuno durante a súa quenda de intervención. E o señor Pillado directamente xa o insultou”.