Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXARibadeoViveiro

A Xunta investirá na mellora dos pavimentos dos portos da Mariña lucense

Por 15 Marzo, 2024Sin comentarios

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia investirá 263.000 euros en obras de mellora dos pavimentos das dársenas autonómicas da comarca lucense da Mariña ao longo deste 2024.

Alfonso Villares, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que este investimento responde as necesidades prioritarias detectadas nunha análise global realizada polo ente público para coñecer en detalle o estado dos firmes no conxunto dos 122 portos autonómicos. Deste traballo derivouse unha planificación de actuación a curto, medio e longo prazo na adecuación dos pavimentos para unha maior seguridade viaria.

No caso da Mariña inclúense nesta fase de actuación, que sairá a licitación no primeiro semestre para executarse neste ano, os portos de Ribadeo, Rinlo, Burela e Viveiro. Estas melloras sumaranse á renovación doutros tramos de firmes e pavimentos esgotados que se executou ao longo do 2023 e que na comarca da Mariña supuxo un investimento de 320.000 para os portos de Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro.

Para este ano, en Viveiro está previsto un investimento de 95.000 euros para a renovación dos firmes na explanada do porto deportivo e nos viarios de conexión do porto. Ademais investiranse máis de 87.000 euros en Ribadeo; 6.000 en Rinlo (Ribadeo) e 74.000 euros no porto de Burela.

Ampliación de instalacións en Celeiro

Durante a súa visita a Viveiro, o conselleiro do Mar destacou tamén o investimento  de máis de 650.000 que Portos de Galicia está a facer no porto de Celeiro para a ampliación das instalacións, que se atopa en execución.

Os traballos consisten na instalación de novas prazas de atraque mediante pantaláns flotantes e a recolocación dos pantaláns deportivos existentes. Con estas obras cúbrense as necesidades de toda a frota profesional e de recreo existente. Para a 3ª lista contémplanse 18 novas prazas de esloras entre 8 e 14 metros e para a náutica, 52 prazas de 6 metros.