Skip to main content
Cervo

Alfonso Villares puxo en valor a calidade e sabor do ourizo na Festa do Ourizo de San Cibrao

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a excelente calidade e sabor do ourizo galego e a importancia da celebración deste tipo de citas gastronómicas na difusión das propiedades culinarias destes equinodermos, dos que se comercializaron máis de 43 toneladas o ano pasado xerando unha facturación de máis de 500.000 euros nas lonxas lucenses, así como a promoción do consumo entre a cidadanía.

O titular de Mar fixo estas manifestacións na XXXI Festa do Ourizo de San Cibrao organizada polo Concello de Cervo e os establecementos de hostalaría do municipio declarada de Interese Turístico Galego onde puxo de exemplo este evento, xunto a Festa do Mexillón, que tamén acolle este mesmo concello, como fórmulas axeitadas para poñer en valor a calidade e beneficios para a saúde que hai detrás do peixe e marisco galegos.

O responsable autonómico felicitou aos promotores pola organización deste evento no que os visitantes poderán degustar as mellores elaboracións nas que este produto é o protagonista absoluto así como de unha showcooking ademais de actuacións musicais e un concurso gastronómico.

Un amplo programa gastronómico e festivo co ourizo como eixo central, unha especie na que se traballa por parte da Consellería do Mar con accións de investigación como a ‘Mellora da produción de xuvenís de ourizo de mar en catividade’ por parte do CIMA de Ribadeo que ten por obxectivo optimizar o período de preengorda de xuvenís con diferentes sistemas para acurtar o tempo preciso para o seu traslado ao medio natural.