Skip to main content
Cervo

A Deputación mellorará a estrada de Castelo a Trasbar, en Cervo

Por 22 Marzo, 2024Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación por preto de 500.000 eurosde obras de mellora na estrada LU-P-1503, que é a vía que vai de Castelo a Trasbar, no concello de Cervo. Unha nova actuación, coa que “seguimos mellorando a rede de estradas provincias, neste caso, na Mariña”, subliñou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

Os traballos teñen un prazo de execución de 9 meses e afectarán a case 3 quilómetros, desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 2,6. Consistirán na reapertura das cunetas, eliminando a vexetación e os soterramentos; e no ensanche en varios tramos da calzada ata chegar a acadar nalgún punto os 5,75 metros, o que permitirá garantir unha maior seguridade para o paso de dous vehículos.

Para lograr eses anchos de vía, realizaranse traballos de drenaxe nos que será necesario entubar as cunetas ou revestilas sobre as xa existentes. Posteriormente, botarase sobre a calzada unha base de zahorra para regularizar o firme e logo, aglomerado en quente. A obra rematará coa sinalización e pintado mediante marcas viais reflexivas brancas.

A voceira socialista do Goberno provincial subliñou que se trata dunha actuación “moi importante e demandada pola veciñanza porque esta vía enlaza coa estrada provincial LU-P-1502, que comunica co concello de Burela e o Hospital da Mariña”. Ademais, concretou que coas melloras nesta estrada “damos un servizo máis seguro e cómodo para os veciños e veciñas de Trasbar e de Castelo, pero tamén doutras parroquias da zona, xa que esta vía comunica cos campos de fútbol da Granda, en Rúa; e o da Chá, en Vilaestrofe; así como co Miradoiro de Monte Castelo, un dos atractivos turísticos da comarca da Mariña”, concluíu Pilar García Porto.