Skip to main content
BurelaCervoFozRibadeo

A Mariña renova os seus seis Sendeiros Azuis

Por 15 Marzo, 2024Marzo 16th, 2024Sin comentarios

A Mariña renova os seus seis Sendeiros Azuis. Así, destacan Cervo con tres, Burela, Ribadeo e Foz con un distintivo cada un.

Estes selos de calidade recoñecen o valor medioambiental destas rutas e poñen de manifesto “o compromiso municipal co turismo sustentable e de calidade”, avalando o esforzo que se vén realizando neste terreo, precisaron desde o Concello de Cervo.

Con estas insignias,  a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) premia a recuperación e posta en valor de sendeiros e itinerarios de todo el territorio nacional, transformados en valiosos recursos para a interpretación ambiental e o desfrute da natureza.

En Burela foi recoñecida a Ruta do Litoral Burelés, en Foz a das Praias, e en Ribadeo o percorrido da Illa Pancha a As Aceas.

A Ruta do Litoral Burelés conta con 6 quilómetros de lonxitude e comeza na praia da Marosa, segue pola praia de Ril, praia de Portelo ata chegar a Área Xeolóxica do Perdouro.

A de Ribadeo, da Illa Pancha a As Aceas, é unha senda de 5,6 quilómetros que discorre entre o Faro de Illa Pancha e os Muíños das Aceas, cruzando parte da contorna natural e urbana, e bordeando a ría de Ribadeo.

A ruta das Praias de Foz permite coñecer os fermosos areais focegos á vez que se goza da costa. Comeza na praia da Rapadoira e continúa por Llas, Peizás, Pampillosa, Arealonga, Polas, Xuncos, Area Brava (Alemáns) e Areoura e volta polo mesmo lugar.

En Cervo foron distinguidos tres itinerarios diferentes O Torno,  Cubelas – O Rego e o do Río de Lavar – Muíño do Medio, o que sitúa a este municipio como o único da provincia de Lugo que suma tres distintivos destas características.

O Sendeiro Azul O Torno, que xa foi recoñecido outros anos,trátase dun carreiro natural cun percorrido de 2,36 quilómetros, que bordea o areal que leva o mesmo nome.

En canto ao Sendeiro Azul Río de Lavar- Muiño do Medio, cabe sinalar que se trata dunha ruta circular que nos traslada no seu pouco máis de quilómetro e medio a algúns dos máis antigos oficios de Galicia. Iníciase na Ponte Medieval de O Bao, construído na Baixa idade Media para facilitar a comunicación entre San Cibrao e a sede parroquial (Lieiro)

Nestes primeiros 200 metros do sendeiro, comprendidos entre a citada ponte e o Muíño do Bao, atopámonos cun tramo do Río Cobo que antigamente se coñecía polas lavandeiras como “O Río de lavar”. Antigamente as mulleres de San Cibrao e Lieiro viñan lavar a roupa a esta zona do río.

Segundo avanzamos polo sendeiro atopámonos co Muíño do  Bao  que precede a outro muíño (Muiño do Medio), xa na zona de O Guioncho. Nas súas inmediacións atopámonos cunha fonte e un lavadoiro. Entre os fitos desta ruta destacan, pois, a Ponte Medieval do Bao, as cuñas da Ponte Medieval, o lavadeiro, o Muiño do Bao, a Fonte do Guioncho e o muíño do Medio.

En canto ao itinerario Cubelas-O Rego, cabe sinalar que conta cun percorrido de 900 metros que une a praia de Cubelas coa pequena praia de O Rego que se sitúa unha vez pasada a área de Servizos para Autocaravanas.

Durante o itinerario deste carreiro pódese apreciar o permanente contacto co mar cantábrico e coa parte oriental da costa da Península de San Cibrao, na que un se atopa con praias como as de Cubelas, A Caosa, Pericón e O Rego. Os fitos que destacan no percorrido son os seguintes: Ruínas Fábricas de Salazón, a praia de Cubelas, as dunas de Cubelas, a cetárea, a fontiña, a praia da Caosa, a praia de Pericón, a área de servizos para autocaravanas e a praia do Rego.