Skip to main content
Foz

O Concello de Foz está a realizar estes días obras de mantemento na praia da Rapadoira

Por 15 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello de Foz está a realizar estes días obras de mantemento na praia da Rapadoira. Durante as últimas semanas a Concellería de Obras e a de Limpeza Viaria e Xardinería afánanse en mellorar os arredores e a propia praia da Rapadoira, que sufriu moito os temporais deste inverno.

A Alcaldía, que ostenta as competencias de obras, explica que “a revisión das últimas semanas puxo de manifesto unha erosión importante na praia, unha merma na area ou un reparto desigual da mesma, polo que se optou por traballar con persoal municipal para a mellora da zona da charca, así como da praia en xeral. A maiores, para un reparto máis uniforme e unha limpeza mellor da area, contratouse unha limpeza cun tractor cun remolque que criba a area en profundidade”.

Fran Cajoto engade: “decidiuse que as actuacións se realizaran neste momento, pasado o inverno e antes da chegada da píllara das dunas, xa que a partir do 15 de marzo e ata o 15 de xullo a Xunta de Galicia non permite a actuación con maquinaria no areal da Rapadoira nin no da Pampillosa”.

A Concellería de Limpeza Viaria e Xardinería traballa na mellora dos arredores. O concelleiro Ángel Fernández explica: “continuamos o traballo de limpeza profunda, que se comezou na praza Conde de Fontao e seguiu no Campo da Cabana, nesta zona, que é moi transitada e moi utilizada por todos”.

“Os areais de Foz seguen a súa mellora cara a un verán no que deben estar en condicións óptimas para o gozo de todos”, remata o alcalde.