Skip to main content
Lourenzá

O PP de Lourenzá fai saber á Valedora do Pobo “a negativa do Goberno local a facilitarnos o acceso á documentación municipal”

Por 13 Marzo, 2024Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular vén de rexistrar unha queixa dirixida á Valedora do Pobo en relación ao funcionamento do Concello de Lourenzá. Os concelleiros populares consideran que “a negativa do goberno local a facilitarnos o acceso a través de medios dixitais á documentación e información relacionada coa actividade municipal vulnera os dereitos que recolle a Constitución para os concelleiros”.

Os populares diríxense a esta institución despois de ter solicitado en varias ocasións “sen éxito” o acceso á información e documentación para o exercicio das súas funcións de control e fiscalización do goberno local. Concretamente, piden que a Valedora admita a queixa e que, trala investigación e requirimentos correspondentes, adopte as medidas oportunas, con arranxo a Dereito, comunicando aos interesados o resultados o resultado da tramitación do procedemento.

O portavoz, Roberto Díaz, sinala que “sen acceso á documentación non podemos levar adiante a nosa función de oposición democrática, o que nos parece unha actitude grave por parte dos responsables do goberno municipal”.

“O que pedimos é que o goberno local tome medidas para aportar a notificación e información de toda a actividade municipal á que temos dereito de forma que o goberno local cumpra co mandato legal de Transparencia, Información Pública e bo goberno, de forma electrónica e a través do Programa Gestiona”, explica.