Skip to main content
Ribadeo

O BNG de Ribadeo lamenta “o dano patrimonial” sobre un edificio histórico

Por 4 Marzo, 2024Sin comentarios

Desde o BNG de Ribadeo mostran o seu agradecemento polas rectificacións que levou a cabo o goberno do PP nos últimos días despois das preguntas e denuncias feitas desde a oposición. En primeiro lugar, “celebran a rectificación na colocación das bandeiras na sede consistorial, pero lamentamos o gasto innecesario na colocación dun mamotreto que xa naceu inútil pola rectificación do alcalde e o dano patrimonial ao colocarse sobre un edificio histórico”, sinalan dende a formación política.

En palabras de Pablo Vizoso, “ademais do dano causado ao edificio e ás arcas públicas, preocúpanos moito o pouco respecto que o alcalde mostra aos procesos administrativos e á lei ao levar a cabo esta actuación sen contar cos permisos e autorizacións necesarios”. Fai referencia á comisión de seguimento do Peprich “no que se aprobou o traslado das bandeiras celebrouse o día 7 de febreiro, oito días despois do pleno ordinario no que preguntamos sobre este tema ao estar xa colocado o mamotreto”.

En segundo lugar, celebran a actuación sobre unha fuga de auga no barrio de Santa Cruz que “se levaba producindo desde outubro e que foi reparada polo Concello ás poucas horas de nós denuncialo a raíz do aviso dos veciños que non sabían a onde acudir polo abandono do PP”. Porén, lamentan “que sexa necesario esperar tantos meses para un problema que, como demostraron os feitos, só necesitaba atención e vontade de solucionarse”.

Para o BNG a oposición debe cumprir o labor de denuncia e esixencia de solucionar os problemas e os erros que poida ter un goberno. “Pero o PP debería dar mostras de maior preparación e vontade de facer ben as cousas. En todo caso, estes erros significan dano patrimonial, malgasto e abandono dos veciños. Por iso desde o BNG de Ribadeo seguiremos atentos, dispostos e firmes para corrixir e denunciar o mal goberno do Partido Popular”.