Skip to main content
BarreirosRibadeoTrabada

Club de Bolos Ribatra: “O requisito para xogar aos bolos é ter ganas de facelo”

Por 30 Marzo, 2024Marzo 31st, 2024Sin comentarios

O Club de Bolos Ribatra fomenta a practica deste deporte tradicional na Mariña, xa que acolle os concellos de Ribadeo, Barreiros e Trabada.

Por Ana Somoza López.

O Club de bolos Ribatra agrupa a xogadores de bolos celtas de Ribadeo, Trabada e Barreiros, e levan arredor duns 14 anos xogando.
“Somos un club de bolos con todos os xogadores federados e que comezamos a xogar porque nos apaixonaba este deporte”, din dende o club Ribatra, “sobre todo somo un grupo de amigos que nos xuntamos, ademais de para xogar, para charlar”.

Este equipo comarcal, con sede en Ribadeo, adestra habitualmente no campo ribadense de Remourelle, aínda que poden presumir que recentemente construíuse unha en Trabada.

“Temos socios de Trabada que xa poden adestrar nese novo campo”, sinala outro xogador, ao que o alcalde trabadense Rubén García Freije engade “quixemos que contaran cun espazo adecuado que lles permitira practicar este deporte tradicional; preservar a nosa cultura e as nosas tradicións tamén é algo que temos presente”.

Na vindeira primavera, o 7 de abril, comezará a nova liga provincial de bolos celtas que conta con 6 equipos ou clubs, o Club de Bolos de Xove, Santalla da Pontenova, Santa Marta de Riotorto, o Club Arcasco-Carballal de Meira, O Cadaval de Pacios en Castro de Rei e o Ribatra de Ribadeo, Barreiros e Trabada.
Este deporte tradicional, que se atopa en crecemento, aínda lle falta camiño por andar e xente nova que se anime a practicalo. “Como requisito indispensable para poder xogar, é ter ganas, pois ao final como todos os deportes, é cuestión de practicar e se che gusta practicas”, engaden desde Ribatra.

Este club que engloba a tres concellos da Mariña conta con 19 membros federados aos que o presidente do club Ribatra define “uns bos xogadores e cos que da gusto xogar”.

Para a práctica deste deporte tan só se necesita maña, e por suposto as bolas macizas de madeira e os birlos que teñen unha forma de barrica de viño duns 8 cm de altura, ambos utensilios adoitan ser de buxo e algúns xogadores móllanos antes de comezar a xogar para aumentar o seu peso e contundencia. “No noso caso, antes os facía un artesán, pero desgraciadamente finou, e agora temos que mercalos”, sinalan desde o club.

Tamén adoitan precisar unha equipación propia que sufragan “con axudas específicas dos concellos de Ribadeo, Barreiros e Trabada, ao igual que coas cotas dos socios”, explican desde o club..

O terreo de xogo adoita ser chan e de terra batida e consta dunha base de lanzamento duns 12 cm de altura e de arredor de 2 metros cadrados, un foxo de caída, que axuda a conseguir maior precisión e forza na tirada, xa que o lanzador retira cara atrás o brazo coa bola para que colla máis inercia e imprímelle un movemento brusco cara adiante. Hai dúas liñas de tanteo, a de 10 metros e a de 20 metros e nesta modalidade son 9 bolos e un deles, o colocado no centro é de cor vermella o cal vale o dobre de punto.

XOGO. O obxectivo do xogo é lanzar a bóla contra os bolos para derrubalos e ao mesmo tempo facer que a bóla e o maior número posible de bolos sobrepasen a liña de tanteo de 10 metros.

Cada persoa do equipo deberá lanzar tres bólas consecutivas así ata que todos os xogadores tiren.