Skip to main content
Viveiro

Viveiro participa en Lorca na asemblea da Rede Europea de celebracións de Semana Santa e Pascua

Por 12 Marzo, 2024Sin comentarios

O segundo tenente de alcaldesa de Viveiro, Jesús Fernández Fernández, participará nunha nova asemblea xeral da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, que terá lugar na localidade murciana de Lorca.

Participará tamén na reunión o presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro, José Veiga Golpe. A asemblea tratará diversas cuestións de cara á próxima celebración da Semana Santa este mes.

A orde do día da xuntanza inclúe a aprobación de solicitudes para a incorporación de novos socios e a entrega de distintivos aos mesmos, a coordinación do Comité Científico, a aprobación das contas do pasado ano 2023 e o cambio da Xunta Directiva, entre outros puntos.

A Rede Europea ten como obxectivo promover e difundir o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, relacionado coas celebracións da Semana Santa e Pascua a través de accións que poñan en valor este patrimonio e contribúan a salvagardalo a través do traballo científico.

Viveiro forma parte desta rede xunto a Lorca e outros 19 membros, entre os que atopamos a Palermo e Caltanissetta en Italia, Birgu en Malta, Jelsa en Croacia e Skofja Loka en Eslovenia. Tamén atopamos nela a 3 municipios portugueses, ademais dun total de 13 españois.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca que “formar parte desta rede serve para aumentar a proxección internacional da Semana Santa de Viveiro”, e agradece “o traballo da Xunta de Confrarías”.