Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro advirte que o Concello engana aos veciños sobre a reforma do parque Pernas Peón

Por 16 Marzo, 2024Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Viveiro advirte que o Goberno local engana aos veciños con respecto á reforma do parque Pernas Peón. Segundo desvelan os populares, os traballos xa levaban “contratados e atados” un mes cando o Concello abriu o proceso de consulta veciñal para definir os usos e servizo destas instalacións.

Para a voceira desta formación, Mariña Gueimunde, este proceder “é unha falta de respecto aos viveirenses” e afirma que lles parece unha tomadura de pelo. “Non se pode consentir que se lle minta así á xente. Non podemos quedarnos calados ante un engano deste tipo: solicitan a participación cidadá cando xa tiñan todo definido”.

Neste senso, dende o PP consideran que o goberno local “debe pedir desculpas publicamente a todos os veciños e veciñas que participaron e que fixeron as súas aportacións. “Non se merecen que se lles minta, nin se lles faga perder o tempo, bastante templeza están amosando coas cousas que están a acontecer”, conclúen os populares.

“Cando no contrato menor falaban de preparación da zona para o deporte, o goberno encargaba o pintado das mesas con taboleiros de xadrez. Agora entendemos o desapego que ten co deporte e a falta de compromiso coas instalacións deportivas municipais que agonizan mentres xogan ao despiste e confunden á cidadanía por non ter a valentía suficiente para dar a coñecer as súas erráticas decisións e tapar así a mala xestión con anuncios prefabricados para facer ver que fan”, sentencia Gueimunde.