Skip to main content
Viveiro

A Semana Santa de Viveiro contará este ano coa talla do Cristo da Veracruz renovada

Por 20 Marzo, 2024Sin comentarios

A Semana Santa de Viveiro, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, contará este ano coa talla do Cristo da Veracruz renovada tras a restauración realizada pola Xunta de Galicia.

A Confraría da Venerable Orde Terceira Franciscana, unha das máis antigas desta celebración, procesionará con esta imaxe o vindeiro Martes Santo. Farano tras a actuación financiada polo Goberno galego centrada nunha limpeza a fondo para, a continuación, mellorar as súas condicións de conservación e consolidación. “Estamos ante unha talla de gran calidade patrimonial e artística que reflicte os grandes tesouros que se conservan nas diferentes confrarías de Galicia”, explicou Román Rodríguez.

O responsable autonómico de Cultura lembrou que esta actuación enmarcase no “firme compromiso do Goberno galego por restaurar, conservar e protexer o legado patrimonial da Comunidade”. Con esta finalidade, tal e como sinalou, a Xunta de Galicia leva varios anos aumentando o investimento nesta materia para “poñer en valor e impulsar a recuperación do noso legado máis sobranceiro”.

Os traballos que veñen de rematar comezaron coa limpeza de polvo e a eliminación dos restos de sucidade acumulados polo paso do tempo e despois consolidar o soporte mediante a utilización de resinas co fin de devolver a cohesión e a consistencia á peza. Posteriormente, procedeuse a unha limpeza química e a reposición de material e volumes.

O proxecto completouse cos labores de estucado e reintegración cromática das lagoas para rematar cun proceso de vernizado e encerado que proporcione unha capa de protección fronte á acción fotoquímica da luz visible, as radiacións ultravioletas, os axentes químicos ou a oxidación producida polo oxixeno, a humidade ou o pó. Cómpre destacar que todo o traballo estivo marcado pola importancia de conxugar o criterio estético coa salvagarda do valor cultural e artístico desta talla.

Outros investimentos

Ademais desta intervención, a Consellería de Educación tamén ten marcha ou para iniciar nos vindeiros meses obras en catro centros educativos cun investimento de 1,16 millóns de euros. Así, no caso do Colexio Ceip de Covas está previsto que, cando remate o curso, se retomen os traballos para instalar unha cuberta no patio cun investimento de máis de 110.000 euros.

Ademais, actualmente están en redacción os proxectos para actuar no Ceip Santa Rita, onde se acometerán diferentes melloras sectoriais a través dunha achega de 500.000 euros; no de Celeiro, no que está previsto actuar sobre fiestras e portas e crear un novo baño adaptado cun investimento de 300.000 euros, e no Instituto IES Vilar Ponte, cuxos traballos, dotados con 250.000€, centraranse na substitución de ventás e portas do edificio pequeno.