Skip to main content
Viveiro

O OMIX reforza a oferta para a mocidade do municipio

Por 26 Marzo, 2024Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, informa de que o Concello, a través da área de Xuventude, ten numerosos recursos a disposición da mocidade viveirense na Oficina Municipal de Información Xuvenil.

Loureiro destaca que, a través deste servizo, “os mozos e mozas viveirenses poden recibir axuda para calquera trámite administrativo ou educativo que precisen, facilitando o seu acceso aos múltiples recursos que as administracións teñen para eles e elas”.

A concelleira de Xuventude, Lara Fernández Fernández-Noriega, recalca que “dende o Concello seguiremos ampliando e fortalecendo os nosos servizos dirixidos á xente nova, favorecendo a súa participación na vida do municipio”.

A mocidade de Viveiro dispón deste servizo de atención diaria tanto presencial ou telemática para resolver as súas inquedanzas, así como recibir información, orientación e asesoramento para a realización de diversos trámites educativos. Entre eles están as solicitudes de acceso a estudos oficiais, as probas de acceso aos mesmos, a convalidación de estudos ou o traslado de expedientes.

Tamén se colabora dende esta oficina na tramitación da inscrición en distintas convocatorias de interese para a mocidade, como as probas libres de acceso a ciclos, as probas para a acreditación de idiomas, as axudas para a obtención do carné de conducir, os campamentos de verán e campos de traballo, o bono cultural, o emprego publico, a inscrición no proceso de recoñecemento da experiencia profesional ou as bolsas de mobilidade.

Neste senso, o Concello de Viveiro informa, así mesmo, de que acaba de abrir o prazo para solicitar a bolsa de estudos do Ministerio de Educación para todos os niveis de ensino postobrigatorio, xa sexa bacharelato, formación profesional de todos os niveis, grao e máster universitario, ensinanzas de idiomas ou ensinanzas artísticas. Na Oficina Municipal de Información Xuvenil asesórase na tramitación das mesmas, así como na presentación de documentación xustificativa.

Tamén informa o Concello de que no mes de maio está prevista a realización da xornada de orientación para alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato para ofrecer información sobre as convocatorias de residencias públicas para estudiantes e os prazos e procedementos de solicitude dos estudos superiores, así como para resolver dúbidas en xeral.

A oficina conta con perfís propios en redes sociais para difundir a información específica de interese para a mocidade. Esta información está dispoñible en instagram na conta @xuventudeviveiro, e en Facebook, na conta Xuventude Viveiro. Ademais, a oficina permanecerá aberta tanto hoxe, martes 26 de marzo, como mañá, 27 de marzo, antes de pechar durante os días festivos de Semana Santa.