Skip to main content
Antas de Ulla

Comezou a reforma da casa da cultura de Antas de Ulla

Por 18 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello de Antas de Ulla informa aos seus veciños e veciñas do comezo das obras de reforma da Casa da Cultura. A actuación estará rematada nun prazo de seis meses, ao final do verán.

Este proxecto de renovación integral do edificio inclúe a reforma da envolvente enerxética da Casa da Cultura, mellorando o seu illamento e gañando en confortabilidade.

Manterase a Biblioteca Municipal nas instalacións e reordenarase o resto do espazo dispoñible, para posibilitar que sexa polivalente e accesible a todas as asociacións culturais do concello.

Hai que lembrar que o Concello de Antas de Ulla ingresou en decembro de 2022 a subvención de 816.000 euros que lle foi concedida polo Goberno de España con fondos europeos para esta reforma, “pero o anterior alcalde destinou todos eses cartos ó pago de facturas que tiña pendentes”, lembra Pilar García Porto, alcaldesa de Antas de Ulla.

“É dicir, desviou os fondos públicos con carácter finalista que recibiu o concello para as obras da Casa da Cultura para pagar facturas e débedas. E fíxoo en época preelectoral, durante os seis meses anteriores ás eleccións municipais, polo que a neglixencia foi absoluta”, engade a alcaldesa.

“Puxémonos a traballar coa maior celeridade, xa que nin sequera había proxecto de execución, e xestionamos un crédito a longo prazo que nos permite afrontar a obra sen lastrar a economía do concello”, explica a García Porto. “Conseguimos o crédito grazas a ter uns orzamentos aprobados e en vigor desde o pasado 1 de xaneiro”, remata.