Skip to main content
Castroverde

O BNG de Castroverde esixe a mellora do pavillón municipal

Por 19 Marzo, 2024Sin comentarios

O grupo municipal do BNG de Castroverde levará no vindeiro pleno unha moción para que se fagan con urxencia as melloras estruturais do pavillón A Ferrería, xa que denuncian o mal estado das instalacións municipais.

Segundo os nacionalistas, o pavillón municipal foi pintado recentemente pero ten outras moitas deficiencias que resolver, como, por exemplo, as pingueiras que danan o mobiliario e que se puideron ver o día 9 de marzo durante o partido triangular que xogou o FSF Castroverde, a UD Pastoricense e o Ribeira-Lieders, ou o eterno problema da pechadura da porta de entrada, sen solucionar dende hai anos.

Segundo a formación política, en novembro de 2023, xa se interesaran polas obras de mellora do pavillón e solicitaron unha mellora de seguridade das varandas das gradas ou a mellora do circuíto de auga quente de duchas. Porén aseguran que as obras de mellora quedaron nun lavado de cara, con melloras estruturais que quedaron sen facer. “Levamos denunciando esta situación 5 meses e por parte do equipo de goberno o único que se nos di é que se van limpar os canalóns, esta claro que con iso non chega e precisamos reparacións urxentes”, conclúe Iria Castro.