Skip to main content
Castroverde

O BNG de Castroverde pide que os locais electorais sexan accesibles

Por 26 Marzo, 2024Sin comentarios

O grupo municipal do BNG de Castroverde levará no vindeiro pleno unha moción para que se habiliten os locais electorais cunhas condicións óptimas para o seu uso por parte da veciñanza. Sinalan que o colexio electoral de Cellán ou o de Francelos non son colexios accesibles para persoas con dificultades para subir escaleiras e moitas veces teñen que baixar a urna para que as persoas poidan exercer o seu dereito a voto.

Ademais, reclaman que algún tampouco ten baño, así que as persoas da mesa e os interventores non poden facer uso del. Segundo sosteñen, isto sucede nos colexios electorais de Outeiro e no de Cellán e sófreno os membros da mesa e tamén os e as interventoras.

“A accesibilidade universal é un dereito básico para que todas as persoas poidamos participar en igualdade na sociedade”, recorda a concelleira nacionalista. A portavoz do BNG manifesta que “as eleccións son un momento moi importante no funcionamento da nosa sociedade, no que a cidadanía ten a oportunidade de escoller a súa representación, polo que cómpre facilitar a participación de todas as persoas”.

Iria Castro afirma que “temos que camiñar cara unha sociedade onde todas as persoas poidamos participar en igualdade. É un dereito, polo que a participación de persoas con discapacidade ou mobilidade reducida non pode depender de favores ou actos de caridade. Cómpre dar pasos para que todos e todas poidamos desfrutar dunha vida digna”. A moción que presentan pedirá ao Goberno local “que é quen esta capacitado para facelo dote de baños aos colexios de Cellán e Outeiro así como que mellore a accesibilidade de Outeiro e Francelos”, concluíu Iria Castro.