Skip to main content
Lugo

Carlos Hipólito representa en Lugo ‘Burro’ coa que se inaugura a Mostra de Teatro Clásico

Por 2 Marzo, 2024Sin comentarios

A peza Burro de Ay Teatro, que se representará este sábado ás 20.30 horas no Gustavo Freire, inaugura a XXIV edición da Mostra de Teatro Clásico. A obra de Álvaro Tato, dirixida por Yayo Cáceres, conta coa participación de Carlos Hipólito, Fran García, Iballa Rodrígueze Manuel Lavandera e está recomendada a partir dos 16 anos. Achega a historia dun burro que, atado a unha estaca, cóntalle a vida á súa sombra mentres se achega un incendio forestal. Así comeza unha viaxe traxicómica, divertida, tenra, poética e profunda que explora os grandes textos clásicos sobre o asno e a intensa relación entre o animal e o ser humano.

A música en directo e o teatro máis puro acompañan a este asno sen nome, de seis mil anos de idade, nun percorrido polas súas aventuras, desventuras e peripecias ao longo da Grecia e a Roma clásicas, a Idade Media festiva e entroidesca, a Ilustración e a Modernidade. Un relato que loita contra o esquecemento mentres o lume se vai achegando. Unha obra que deixa pegada… de pezuño. Ay Teatro presenta unha traxicomedia con música en directo inspirada nas obras mestras da literatura que xiran en torno ao asno, e protagonizado por un dos actores esenciais da historia do teatro do estado español.

Xunta con esta produción teatral son 10 as representacións que compoñen a nova edición da Mostra de Teatro Clásico, que se celebra no Auditorio Municipal Gustavo Freire durante o mes de marzo. “Quixemos facer unha programación extensa, de calidade e para todos os públicos”, explicou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. Deste xeito, continuan a concentrar a mostra no mesmo mes “facilitando a afluencia do público e a difusión da programación de Teatro Clásico”.

A Mostra de Teatro Clásico do 2024 contará tamén cunha importante aposta polas compañías galegas que comezaron a producir obras clásicas. As entradas poderán adquirirse a través do portal  a 8 euros nos espectáculos para público adulto e 3 euros os espectáculos para público familiar que teñan lugar no auditorio. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG poderán desfrutar dun 30 % de desconto. Ademais, poderase comprar un bono que incluirá toda a programación para público adulto a un prezo de 40 euros.