Skip to main content
Lugo

O PP esixe á Deputación a documentación que determina o aforo máximo do salón de plenos

Por 1 Marzo, 2024Sin comentarios

Os deputados populares esixen ao Goberno provincial a documentación que determina o aforo máximo do salón de plenos do Pazo de San Marcos ante a limitación do aforo a 26 persoas durante a sesión plenaria do mes de febreiro. De feito, veñen de solicitar formalmente acceso e copia do plan de seguridade do Pazo Provincial de San Marcos coa indicación do aforo máximo autorizado.

O portavoz, Antonio Ameijide, considera “curioso” que a limitación aparecerá no último pleno. Nese sentido, pregúntase “como xustifica a presenza de numeroso público no pleno de toma de posesión do presidente Tomé, de ser esa a cifra de aforo máximo. E se vai manter este criterio ou se o aforo non estará limitado nos casos nos que ao equipo de goberno lle interese”. Así mesmo, tamén quere saber se entón ata o pleno anterior se estaban incumprindo as medidas de seguridade” e se “a toma de posesión de Tomé foi unha temeridade poñendo en risco a varios centos de persoas ou como ían a adular ao presidente non pasaba nada”.

O acontecido no último pleno da Deputación de Lugo supón “un atropelo aos dereitos dos cidadáns”, tendo en conta que “estas sesións son públicas” e, polo tanto, os veciños e veciñas de Becerreá e a directiva e voluntarios da Protectora de Lugo que querían presenciar o debate “tiñan todo o seu dereito”. Se, ademais, se ten en conta que os que quedaron fóra “eran persoas maiores, máis vergoña lle tiña que dar ao goberno provincial deixalos fóra”.

Ameijide incide en que “Tomé xa non só quere estar illado dos lucenses, evitar que o público fale no pleno e que, incluso, asistan para velo en directo”, senón que pretende que nin sequera “presencien o seu posicionamento e o do seu grupo sobre certos temas”. Denuncia un “ocultismo” por parte do PSOE e BNG que “se avergoñan das súas posicións políticas e non queren que os lucenses vexan a realidade provincial en directo”.