Skip to main content
Lugo

Visitas teatralizadas, actuacións musicais e exposicións: o Cemiterio de Lugo presenta a nova programación

Por 2 Marzo, 2024Marzo 3rd, 2024Sin comentarios

Visitas teatralizadas, actuacións musicais, visitas e exposicións forman parte da nova programación de actividades do Cemiterio enmarcadas no primeiro semestre do ano 2024 e que se estenderán ata o mes de xuño. Como cada ano, as tradicionais visitas teatralizadas estarán representadas da man de Achádego Teatro, “que traerán ao noso recordo as vidas ilustres de persoeiros que deixaron coas súas obras e as súas vidas unha pegada inesquecible na nosa cidade”, explicou a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López. Así, o teatro comezará o día 10 de marzo e, coincidindo en días próximos ao Día da Muller, representarase a obra Mulleres Destacadas.

As representacións continuarán o día 14 de abril con Mallo, Asorey e os seus anxos, o día 12 de maio con Escoitando aos escritores/as, e rematarán o 9 de xuño coa obra Da Negra Sombra a Sabeliña. Para celebrar “datas especiais como son o Día da Nai e do Pai”, insiste López, o Cemiterio acollerá a intervención musical de Iria Estévez o día 17 de marzo, coincidindo co San Xosé; así como o 5 de maio, polo día en honra ás nosas nais.

Ademais, tamén poderase visitar todas as fins de semana e festivos as exposicións dispoñibles, tanto a permanente na que podemos percorrer a historia dos enterramentos dende a época romana, como a exposición Memoria Viva na que se recollen as distintas actividades culturais que se desenvolven ao longo do ano no Cemiterio. Deste xeito, continúan a ofrecerse visitas guiadas para escolares polas instalacións do cemiterio, co fin de coñecer toda a historia que alí se garda.  Para obter máis información existe un correo electrónico a disposición dos centros educativos interesados: cemiterio@lugo.gal.