Skip to main content
Lugo

Marica Campo e Eva Teixeiro protagonizan a primeira sesión do ciclo Lugopoética 2024

Por 5 Marzo, 2024Sin comentarios

Marica Campo e Eva Teixeiro protagonizaron a primeira das sesións de Lugopoética 2024 o xoves 29 de febreiro na sede da Uned en Lugo. Trátase dunha promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia – Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia. Coa coordinación de Xulio Xiz, o acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED e Sagrario Sánchez, xefa territorial de Educación, Cultura e Universidades da Xunta de Galicia en Lugo.

O encontro poético entre a veterana creadora e a poeta que xorde con forza coa súa obra, dunha hora de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra das dúas escritoras, mutuos comentarios sobre o labor poético de ambas, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos das próximas sesións- dunha publicación que recolla esta primeira experiencia de expresión poética interxeneracional.

Marica Campo (Val do Mao – Incio, 1948), é autora do musical A Casa e de obras teatrais como Os premexentes non poden cos paxaros rebezos ou Confusión de María Balteira. Fuxan os Ventos e A Quenlla cantaron poemas seus. Premio da Cultura Galega, Premio das Letras de Galicia, “E” de escritora da AELG, e outros diversos galardóns, é autora, entre outros poemarios, de Tras as portas do rostro ou Pedinche luz prestada.

Pola súa parte, Eva Teixeiro (Lugo, 1975) é profesora de Lingua e Literatura españolas no IES Díaz Castro de Guitiriz, forma parte do colectivo Comadres das Letras, co que publicou Contármonos. Exerce como responsable dos blogs de creación probaorellas.blogspot.com e entrenodiariocanti.blogspot.com. Xa foi premiada nos Certames A Pipa’97, MicrorrelatAs e Manuel Oreste Rodríguez López, é autora do poemario mapa.gal.  O próximo encontro vaise celebrar o 14 de marzo, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación dos escritores Lois Pérez e Daniel Irimia.