Skip to main content
Lugo

Un proxecto fomentará a inclusión social dos usuarios das residencias das Gándaras e A Milagrosa

Por 8 Marzo, 2024Sin comentarios

A Xunta e a Fundación Breogán colaboran para poñer en marcha o proxecto Grazas A-Vós, orientado a fomentar o envellecemento activo e a inclusión social das persoas maiores de 65 anos. Vai dirixido aos usuarios das residencias das Gándaras e A Milagrosa, de titularidade pública autonómica.

A Delegación Territorial da Administración autonómica acolleu a presentación da iniciativa, que inclúe accións enfocadas ao mantemento e mellora da saúde física e mental dos participantes. Cada centro terá actividades dúas veces por semana, cunha duración dunha hora por sesión e 20 prazas dispoñibles. As clases deportivas estarán adaptadas ás necesidades e ao estado físico dos asistentes, con exercicios deseñados para fortalecer os músculos e para mellorar a mobilidade.

Promoverase a práctica de ioga e pilates e incorporaranse actividades recreativas que fomenten o movemento, principalmente a través do xogo do baloncesto. Ademais, porase o foco na saúde mental, con talleres de estimulación cognitiva nos que se traballará a memoria, a atención e o pensamento lóxico. O benestar emocional tamén centrará varias actividades.