Skip to main content
Lugo

Alicia Lourenzo, Inés Seoane e Rocío López son distinguidas cos VIII Premios Enxeñaría e Muller Rural

Por 8 Marzo, 2024Sin comentarios

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC distingue cos VIII Premios Enxeñaría e Muller Rural, certame promovido desde a Comisión de Igualdade de Xénero para poñer en valor o importante cometido e a fonda pegada das mulleres enxeñeiras no medio rural, as propostas presentadas polas graduadas na EPSE Alicia Lourenzo Lourido, Inés Seoane Conde e Rocío López Juanes.

As tres graduadas premiadas nesta edición do certame, que contempla cunha dotación económica de 400 euros para as autoras galardoadas, tiveron a oportunidade de expoñer os seus respectivos Traballos de Fin de Grao, que responden ás tres propostas mellor valoradas polo xurado.

A graduada en Robótica, Alicia Lourenzo Lourido, deu conta neste acto da temática abordada no TFG titulado Deep Learning en el Borde, una proposta innovadora e con aplicación industrial que aposta pola emprego de visión artificial xunto coas redes neuronais para substituír o tipo de sensórica que se emprega actualmente nos procesos. Unha temática diferente é a tratada pola graduada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Inés Seoane Conde no TFG titulado Análise das propiedades mecánicas de masas de Pinus Pinaster resinado para o seu aproveitamento como madeira estrutural.

O xurado valorou tamén neste caso a excelente calidade da memoria, a alta aplicabilidade da investigación e o seu carácter innovador, dado que o actual aproveitamento para resinación de masas de P. pinaster en Galicia demanda un maior coñecemento das súas propiedades mecánicas para o seu emprego construtivo unha vez que estas masas se aproximen ao momento da corta.

A tamén graduada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na EPSE Rocío López Juanes resultou galardoada polo TFG Cebo ecolóxico para 270 becerros en Pedrafita do Cebreiro, no que responde tamén ás demandas e aos intereses manifestados por unha gandeira de Pedrafita do Cebreiro que decidiu invertir no medio rural e incorpora as súas suxestións ao traballo final.

A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; a directora da EPSE, Rosa Romero, e a presidenta da comisión de xénero de este centro universitario lugués, Dolores Fernández, salientaron na sesión de entrega dos galardóns a importancia da muller no eido das enxeñarías e, especialmente, as súas múltiples contribución ao medio rural.