Skip to main content
Lugo

A Uned de Lugo aborda os desafíos actuais da axenda feminista

Por 11 Marzo, 2024Sin comentarios

O Centro Asociado da UNED de Lugo organiza ao longo do mes de marzo, tinguido co distintivo cor violeta, diversas iniciativas que reflicten o firme compromiso co feminismo e a igualdade de xénero en todos os sectores e ámbitos da vida. Estas accións, aliñadas coa Axenda 2030, subliñan o compromiso a nivel local e provincial como difusor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Durante todo o mes, as instalacións da universidade albergarán a exposición da obra da artista Ana Rodríguez, tamén coñecida como Anama. Baixo o título Mulleres contra a fenda de xénero, a artista, a través das súas pinceladas, denuncia as diversas desigualdades sufridas polas mulleres.

Ademais, os días 2 e 3 de abril levaranse a cabo as IV Xornadas Aprendendo Feminismo: Despatriarcalizando a Sociedade. Nesta nova edición, abordaranse os desafíos actuais na axenda feminista, destacando o ODS número 5 da Axenda 2030, que busca garantir a participación plena e efectiva das mulleres, así como a igualdade de oportunidades en todos os niveis da vida. Contarán coa participación de destacadas relatoras como Mar Carballo Cela, Concepción García Vázquez, Felisa Redondo Valín, Chis Oliveira e Priscila Retamozo, Carmen Abuín González e Comadres das Letras.