Skip to main content
Lugo

A Deputación e o Concello dotarán de canceiras e equipamento á Protectora de Lugo

Por 9 Marzo, 2024Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Deputación, José Tomé, reafirmaron o compromiso de ambas Administracións para continuar apoiando o labor da Protectora á que lle reiteraron a dotación de material mentres non se constrúan as novas instalacións. A proposta, realizada xa o pasado mes de febreiro, pasaría porque a asociación facilite a relación de equipamentos que se precisan con maior urxencia para atender as necesidades actuais así como o seu custo estimado co fin de poder formalizar a colaboración.

“O compromiso do Concello co benestar animal é máximo e así se demostra no feito de que as e os lucenses, a través da Institución local, levan achegado máis dun millón de euros nos últimos cinco anos para garantir a supervivencia desta prestación que, porén, é de ámbito supramunicipal, de aí o exceso de exemplares que acolle”, sinalou a rexedora.

De xeito paralelo á concesión destas, o Concello impulsou a construción dun novo refuxio que permitiría rehabilitar o vello matadoiro de Nadela, recuperando unha edificación en desuso, capacitada, polas súas dimensións, para acoller en torno a 200 animais en condicións óptimas de estancia. O proxecto, que sacarán a licitación nos vindeiros meses, supón “a solución máis viable e rápida para mellorar dun xeito definitivo o servizo, ao dispor xa do inmoble e dun anteproxecto previo”.

Ademais, dende os dous organismos comprométanse a adquirir as canceiras ou os equipos que urxe incorporar á Protectora en prol do coidado dos animais. Pola súa parte, o presidente da Deputación, José Tomé Roca, incidiu en que a institución aportou dende que el é mandatario provincial un total de 200.000 euros á Protecora, á que lle ten cedido gratuitamente os terreos nos que están situadas as instalacións que albergan os animais.

Tomé subliñou o compromiso de “contribuír xunto coa entidade local a dotar á Protectora daqueles elementos máis necesarios para o benestar animal”, aínda que, polo momento, “non fomos informados desas necesidades por parte da asociación, que se comprometeu a comunicarlle ao Concello os equipamentos que precisan”.