Skip to main content
Lugo

Arroxo mostrou o seu compromiso cos obradoiros rurais promovidos polo Concello de Lugo

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, desprazáronse ata a parroquia de Orbazai, un dos núcleos do rural onde acaban de iniciarse os obradoiros promovidos pola tenencia de Alcaldía para os dous semestres do 2024.

Arroxo e López estiveron acompañados de veciños e veciñas, así como da persoa responsable de impartir o obradoiro que, nesta ocasión, correspondía ao de cociña. Entre os cursos destacan os de poda, cosmética natural ou pandeireta.

Arroxo amosou o seu compromiso con todas elas para “ampliar o alcance das asociacións con estes novos cursos que axudan a recuperar as actividades e os oficios da nosa cultura, e innovar noutros”.

Ademais, Rubén Arroxo insistiu no feito de que “dende o goberno municipal seguimos traballando para facer funcionar o tecido asociativo tamén a través das partidas orzamentarias” polo que, insiste, “tanto axudas económicas coma obradoiros conviven e danse ao mesmo tempo”.

A área de Participación entregou o pasado ano un total 10.691,12 euros ás asociacións veciñais do concello de Lugo para executar proxectos relacionados co asociacionismo, o voluntariado e a participación cidadá, ademais de incluír gastos de mantemento e funcionamento necesarios para a realización das iniciativas. Rubén Arroxo destacou que “esta liña de subvencións permiten que as distintas asociacións veciñais de Lugo poidan manter a súa actividade ao longo do ano”.