Skip to main content
Lugo

A Casa da Muller de Lugo atendeu ao longo de 2023 un total de 968 consultas

A Casa da Muller, servizo dependente da área de Cohesión Social que dirixe a edil Ana Abelleira, atendeu ao longo de 2023 un total de 968 consultas.

“Desta cifra, o 60 % correspóndese con consultas sobre cuestións xurídicas como trámites por separación ou divorcios, impagos de pensións, sentenzas incumpridas e asuntos similares; o 25 % foron consultas de atención psicolóxica, fundamentalmente labores de apoio, orientación e asesoramento ante casos de desigualdade de xénero; e o 15 % restante correspondese con consultas de mulleres vítimas de violencia de xérero, ás que se lles proporcionou apoio e protección social, ademais de información e asesoramento específico”, explicou a concelleira.

Deste xeito, a edil puxo en valor “o papel fundamental deste servizo co que promovemos a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no concello de Lugo e que é resultado da evolución no relativo á implantación de programas e equipamentos destinados á atención das necesidades das mulleres. Só no pasado ano, abriuse expediente no centro a 153 novas usuarias que demandaron os servizos da Casa da Muller e recibiron axuda dos seus profesionais de forma totalmente gratuíta”, subliñou Abelleira.

Un dobre obxectivo

Neste senso, a Casa da Muller cumpre cun dobre obxectivo: facilitar atención personalizada e gratuíta sobre malos tratos, vexacións, ameazas e demais tipos de violencia contra a muller; e deseñar e coordinar as políticas de igualdade de xénero do Concello. Así mesmo, a edila recordou que este ano cumprense 20 anos das políticas de igualdade do Concello de Lugo.

“Somos unha administración pioneira na promoción dos dereitos das mulleres en Galicia con iniciativas de gran calado no seu día e cuxas consecuencias positivas aínda perduran hoxe como foi a posta en marcha do primeiro Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, aprobado  no 2004, ou  o primeiro regulamento do Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade de 2005”, dixo.

Entre as actividades e campañas postas en marcha por este servizo no pasado ano destacan a posta en marcha do programa ‘Aprende Xogando’, destinado a nenas e nenos lucenses de 3 a 12 anos, orientado a favorecer a conciliación nos eidos laboral, familiar e persoal e apoiando de xeito especial ás mulleres no seu proceso de participación sociolaboral; ou o ‘Programa Socioeducativo de prevención da violencia de xénero’ do Concello de Lugo, que ten como finalidade de achegar á poboación adolescente novas ferramentas que axuden a potenciar o seu pensamento crítico e reflexivo ante as desigualdades de xénero e, de forma máis concreta, ante as diversas situacións de violencia machista e ante as súas consecuencias.

“Este programa estase levando a cabo no presente curso nun total de 7 institutos do municipio e 10 colexios de educación infantil e primaria coa realización dun total de 240 sesións de 50 minutos”, apuntou a concelleira.

A Casa da Muller tamén puxo en marcha o Programa de atención a menores fillos/fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, un programa de apoio psicolóxico promovido por persoal especializado, que inclúe sesións nas que se achegan estratexias de afrontamento e xestión emocional das súas vivenzas, tanto presentes como pasadas e apoio ás súas nais de cara a dotalas de estratexias de comprensión e conexión emocional coas súas fillas e fillos para que estas poidan reparar o dano causado pola violencia de xénero no vínculo materno-filial.

Celebración de datas sinaladas

Así mesmo, dende este servizo municipal tamén se activou unha campaña contra submision química da man dos locais do ocio nocturno e hostelería baixo o título “Diversión non é submisión”, para a sensibilización e prevención contra a submisión química, onde se pon o foco nos agresores e na primeira atención as vítimas.

A iniciativa desenvolveuse conxuntamente coa Asociación de Hostaleiros. A través desta campaña buscouse concienciar sobre esta nova forma de violencia machista, incrementar a protección das vítimas e facilitar a primeira atención da muller baixo os efectos da submisión química.

Por outra banda, con motivo de ocasións especiais ou efemérides, a Casa da Muller puxo en marcha diversas campañas de concienciación entre as que se atopan entr outras conmemoración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, a conmemoración do Día da Igualde Salarial ou a Campaña Xogamos pola Igualdade, que se desenvolve no Nadal.

Finalmente, este servizo tamén foi o encargado de confeccionar o programa de actividades con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, e do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller; e tivo presenza no Arde Lvcvs coa instalación de dous puntos violeta durante a celebración desta festa de recreación histórica, co obxectivo de levar a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresión sexista.

As caravanas prestaron o servizo na Praza Horta do Seminario e na Praza Maior, durante os días 22, 23, 24 e 25 de xuño, por persoal psicosocial con formación e experiencia acreditada en cuestións de xénero e violencia contra as mulleres.