Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo reuniuse con veciños do barrio da Residencia e puxo en valor o seu “proxecto de transformación”

O PP recrimina a falta de planificación do Goberno local nas obras de mellora das beirarrúas e a iluminación na Residencia, criticando “a política de repetir unha mentira mil veces para confundir á cidadanía fracasou neste barrio, que hoxe desfruta dunha segunda vida grazas ao esforzo inversor da Xunta”, sosteñen os populares.

No Encontro Aberto que se celebrou coa veciñanza da Residencia, a voceira popular Elena Candia explicou que “o proxecto da transformación do barrio da Residencia é unha realidade”, destacando tamén “o traballo da iniciativa privada que aposta polo barrio” e lamentando que “coma sempre, o Concello de Lugo, quede ao marxe e siga ignorando as posibilidades que ten esta zona”.

Os populares explican que, a estas alturas, se descoñece cando comezarán as intervencións que anunciou o Concello o pasado 5 de decembro para ampliar beirarrúas e poñer novas luminarias recriminando o retraso, xa que “sabían que o complexo sociosanitario estaría en funcionamento en 2023 e, como sempre, non anticiparon as obras, o que ratifica a sú falta de xestión e neglixencia”, sosteñen.

Elena Candia contrapón “a política de feitos da Xunta coa política de confrontación e de falsidades do Goberno local: a Xunta fai cidade e inviste no barrio e o goberno local o único que fixo en dúas décadas foi construír un carril bici que non se utiliza e que limita a actividade económica do barrio”.

“Dende o Partido Popular pensamos que o Goberno local debe implicarse e impulsar unha intervención máis ambiciosa na Residencia”, avanzando que solicitará que se modifique o trazado do carril bici no entorno do CIS, “que penaliza de maneira brutal o seu desenvolvemento, así como plans específicos de limpeza integral, a cobertura do parque infantil da fonte dos Ranchos ou a sinalización das prazas de minusválidos, entre outras cuestións”.