Skip to main content
Lugo

Lugo eliminará as terrazas en zonas de carga e descarga e en prazas de estacionamento

Por 12 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello trasladará o borrador da nova ordenanza sobre a colocación de terrazas ao tecido hosteleiro, no que teñen moi en conta a proliferación de queixas cidadás

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, avanzou ao tecido hostaleiro da cidade- Asociación Provincial APEHL e Lugo Monumental-  que nas vindeiras semanas se lles trasladará o borrador da nova Ordenanza municipal que rexerá a colocación de terrazas co fin de que poidan estudar o documento, abordalo coas empresas asociadas aos diferentes colectivos e achegar as suxestións para melloralo e aprobalo en consenso para que entre en vigor o máis axiña posible.

“Todo canto nos trasladen será estudado minuciosamente para avaliar a viabilidade das súas propostas, sempre en prol de beneficiar ao interese xeral e permitir o desenvolvemento e crecemento económico dos negocios pero tamén garantindo a accesibilidade e a seguridade viaria así como a mellora estética das zonas nas que se concentran este tipo de instalacións”, sinalou a rexedora. A mandataria lucense aproveitou para anunciar ás entidades o inicio dun proceso regulador que se levará a cabo este mes de marzo na capital e que conlevará, entre outros aspectos, a supresión das terrazas que na actualidade ocupan tanto zonas de carga e descarga como prazas de estacionamento.

A covid -19 conlevou á adopción de medidas de carácter extraordinario “tanto de tipo económico, como fiscal, social e de ordenación do espazo público en prol de apoiar ás familias e pular pola supervivencia dos principias sectores produtivos do municipio, nominativamente o da hostalería, cunha transcendencia notoria no PIB da provincia”, lembrou a alcaldesa. Deste xeito, o Concello autorizou a este colectivo empresarial a ampliar ou habilitar novas terrazas, a custo cero, durante dous anos, que se instalaron no espazo público a fin de que as medidas sanitarias de limitación de aforo non comprometeran a viabilidade dos seus negocios.

Dunha forma paralela, foise traballando na elaboración dunha ordenanza que recollera a normativa estética e de ocupación que implica a colocación deste mobiliario na vía pública “co obxectivo de uniformizar, dun xeito harmonioso coa contorna, a súa aparencia e conciliar a súa existencia co dereito da veciñanza a transitar en condicións plenas de inclusión”, abondou.

Queixas cidadás

Despois de catro anos, “cómpre iniciar un proceso de ordenación da utilización que os establecementos hostaleiros están a realizar do espazo colectivo”. Neste proceso o Goberno local ten moito en conta a proliferación de queixas cidadás, “advertindo dun excesivo aproveitamento que condiciona tanto a mobilidade peonil como a do tránsito rodado na capital”. Para reverter esta situación, Paula Alvarellos asinará nos próximos días un bando que marcará o comezo dun proceso regulador a través do cal se requirirá ás persoas titulares destes locais que, no prazo dun mes dende a súa publicación, procedan á retirada das terrazas instaladas en zonas de estacionamento, zonas de carga e descarga así como ao levantamento do material que teñen apilado e en desuso nas proximidades.

Igualmente, durante ese período, os titulares dos establecementos hostaleiros interesados en obter a autorización correspondente para a instalación dunha terraza na vía pública poden solicitala conforme a unha serie de condicionantes técnicos cos que se trata de garantir o libre acceso de persoas e vehículos de emerxencia para acadar o correspondente permiso de instalación. As solicitudes poderán presentarse ben telematicamente, a través da sede dixital do Concello www.lugo.gal ben, fisicamente, na Unidade de Mobilidade situada no edificio da Policía Local de Lugo. Ao tempo que se realiza a advertencia de que pasado este período dun mes para a regularización das terrazas do municipio, o Concello iniciará un dispositivo inspector e sancionador de comprobación da eficacia do devandito Bando.

Lugo Monumental prima a mobilidade persoal

Durante a reunión, Lugo Monumental compartiu a preocupación mostrada por Paula Alvarellos pola mobilidade persoal, algo que ten que primar por encima de todo o demais. Desta forma, a asociación apoia que para a instalación de mobiliario de terrazas se respecten zonas de paso peonil e demais requisitos, debido a que é indiscutible a súa necesidade. Onde Lugo Monumental non se pronuncia é na polémica pola ocupación de prazas de aparcamento por parte de terrazas, xa que no ámbito de actuación da asociación non hai ningunha nesa situación.

Con todo, ata ter o borrador definitivo sobre o que poder traballar e facer alegacións a asociación tampouco cre razoable pronunciarse máis que para dicir que é un moi bo punto de partida e para ofrecer toda a súa colaboración para ter un documento consensuado e que cumpra coas expectativas de todas as partes.