Skip to main content
Lugo

Hipócrita Teatro celebra os seus 20 anos de historia cos Hipopremios

Por 16 Marzo, 2024Sin comentarios

O grupo conmemora o seu aniversario coa gala 20 anos de anécdotas no Escenario Hipócrita, na que se premiará o espectáculo mellor valorado e ao propio público

O vindeiro sábado 23 o Escenario Hipócrita viste de gala para celebrar o aniversario da compañía de teatro amador e da asociación cultural que leva dúas décadas apostando pola arte de representar historias na cidade. Baixo o nome de 20 anos de anécdotas, Hipócrita Teatro vai a facer un percorrido polas vivenzas máis ocultas do grupo.

“Imos desvelar algunha das interioridades destes 20 anos de historia Hipócrita, o que pasa entre bambalinas ou nas viaxes, o que non pasa enriba do escenario e que non pode ver o público”, conta Carlos Rebolo, membro da compañía. Ademais, no encontro outorgaranse dous Hipopremios, un ao espectáculo mellor valorado no período 2022-2023 e outra para os propios asistentes, porque como defenden sen o público a práctica teatral non ten sentido.

“Entregaránselles unhas papeletas para que voten e logo faremos un reconto. Como novidade, tamén imos entregar un premio ao espectador máis fiel, que era algo que nos faltaba e levabamos tempo dándolle voltas”, engade María García. As actuacións tampouco van a faltar. Ao escenario subiranse a compañía lucense Ubú Teatro, Axóuxere Teatro de Oleiros e a contadora de historias colombiana Carolina Rueda.

Ademais, estarán acompañados pola ilusionista Lore Lavand. “Fainos moita ilusión que veña porque foi membro de Hipócrita”, di Carlos. Un encontro imprescindible para os amantes da práctica teatral coa que esta compañía pon o broche de ouro a dúas décadas de historia mentres mantén o seu obxectivo de continuar dinamizando a oferta cultural da cidade.