Skip to main content
Lugo

Licítase o novo contrato de Axuda no fogar de Lugo, no que invisten case 34 millóns de euros

Por 14 Marzo, 2024Sin comentarios

Licítase o novo contrato de Axuda no fogar, no que investirá  case 34 millóns de euros nos próximos 5 anos. O novo contrato, cuxo orzamento base de licitación ascende a 11.755.936,30 euros, sae a contratación por un período de 2 anos coa posibilidade de prorogarlo ata un máximo de cinco. Ademais nas bases xa se contempla un posible incremento do 20 % pola fluctuación dos prezos, o que supón que o valor máximo do contrato supoñerá un investimento de 33,911.354 millóns de euros. “O eixo sobre o que pivota toda a nosa xestión municipal son as persoas. Ningún lucense vai quedar atrás, a atención ás nosas  persoas maiores é e seguirá sendo unha prioridade para o noso Goberno”, sinalou a responsable de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde.

“Fronte a falta de compromiso que o Goberno autonómico evidencia nesta materia da súa competencia exclusiva, apostamos por realizar esta enorme mobilización de recursos municipais para garantir a atención adecuada a este colectivo. Debemos lembrar que na nosa cidade máis de 5.000 persoas maiores viven en soidade. A través do servizo de Axuda non Fogar realízase un traballo de atención, coidado e acompañamento que ten un valor incalculable para elas e para os demais usuarios e usuarias que ven un incremento notable na súa autonomía”, sinalou Olga López.

“Este contrato incorpora unha serie de novidades que redundarán nun mellor funcionamento do servizo e unha mellor atención ás persoas usurarias. Deste xeito, o Concello esixe ás empresas concursantes presentar un anexo que desagregación no prezo presentado por hora. Así, evitamos baixas temerarias, garantimos a correcta atención das persoas maiores e asegurámonos que os traballadores e traballadoras desempeñen o seu labor nunhas condicións dignas. Por outra parte, increméntase o persoal técnico xa que aspiramos a contar cun axudante de coordinación do SAF, o que sen dúbida repercutirá de forma positiva, xa non só no servizo prestado, senón á hora de valorar as necesidades das persoas usuarias”, apuntou a edila de Benestar Social.

Ademais, como novidade inclúese unha bolsa económica que cubra servizos de transporte adaptado para realizar acompañamentos a xestións e consultas médicas. Entre as melloras que xa foron valoradas no actual contrato se manteñen todas, entre as que se inclúe un servizo de fisioterapia a domicilio, podoloxía en casa ou acompañamento na realización de xestións e consultas médicas. Así mesmo valorarase a achega de material especializado que, unha vez concluído o contrato, pasará a ser de titularidade municipal. Entre este material se encontran grúas de mobilización persoal, camas articuladas e colchóns xeriátricos.

O SAF ten por obxecto prestar atención ás persoas ou familias no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, para facilitar o seu desenvolvemento persoal e a permanencia no seu medio habitual, especialmente naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situacións de risco social para as cales resulte un recurso idóneo. Así, entre as súas funcións está o permitir a mellora á calidade de vida das persoas usuarias, favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio, manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social e previr situacións de dependencia ou exclusión social.