Skip to main content
Lugo

Lugo incorpórase á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes

Por 15 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello de Lugo vén de adherirse á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (Rede DTI), promovida pola Secretaría de Estado de Turismo, dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de España. Así o avanzou a alcaldesa, Paula Alvarellos, quen subliñou que “coa incorporación a esta rede nacional buscamos seguir avanzando cara un sector turístico máis sostible, innovador e competitivo”.

A iniciativa supón “unha importante oportunidade para fomentar o intercambio de experiencias e coñecemento entre os máis de 300 membros que xa formamos parte da rede, contribuíndo ao desenvolvemento intelixente dos destinos turísticos”, engadiu. Na cidade levan anos apostando por un turismo de calidade, “baseado nas experiencias e no aproveitamento dos nosos recursos naturais, patrimoniais e culturais de forma sostible, evitando as masificacións e buscando reducir a temporalidade para que cada vez máis xente nos visite ao longo de todo o ano”,

Así, Alvarellos apuntou que a adhesión a esta rede constitúe “un paso máis na ruta marcada polo Executivo” e lembrou os 2 millóns de euros de fondos europeos que acadaron para a posta en marcha dun Plan de Turismo Sostible. A Rede DTI é un proxecto ambicioso e de longo percorrido, que pretende promover un novo marco de referencia para consolidar os niveis de desenvolvemento e competitividade do modelo turístico español actual, á vez que se poñen as bases para o que será un novo modelo baseado en innovación, coñecemento, tecnoloxía, accesibilidade e gobernanza compartida entre a administración central, a autonómica e a local.

Esta experiencia foi unha das grandes apostas da Secretaría de Estado de Turismo nos últimos anos, grazas á cal, España está a consolidarse como líder na implantación dunha metodoloxía para a transformación dos destinos cara a este novo modelo de xestión turística. O Concello de Lugo como membro da Rede DTI terá acceso a diversos servizos como bases de datos de axudas, subvencións e financiamento, nacional e internacional; asesoramento en convocatorias da UE ou a asistencia na implantación do modelo DTI.