Skip to main content
Lugo

Adxudícanse 27 dos 32 hortos urbanos dispoñibles no Parque de Paxariños en Lugo

Por 19 Marzo, 2024Sin comentarios

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na Xunta de Goberno Local desta semana a listaxe provisional de adxudicatarios dos Hortos Urbanos dos Paxariños, logo de que a área de Transición Ecolóxica avaliase as instancias presentadas. Un  total de 27 persoas concorreron ao proceso no que se puxeron a disposición un total de 32 parcelas.“Tendo en conta que existían hortos sen ocupar procedemos a outorgarllos tamén a aquelas persoas que concorreron fóra de prazo e abrimos un novo proceso para que posibles interesados/as poidan solicitar as 5 parcelas dispoñibles ata que se leve a cabo a adxudicación definitiva”, explicou o tenente de alcaldesa e responsable de área, Miguel Fernández.

Coa posta a disposición da veciñanza destes espazos queren “fomentar prácticas sustentables e saudables, respectuosas co medio ambiente, que ademais favorecen a conservación e coidado da contorna e que tamén propician a creación de espazos de convivencia social ao redor da labranza”. As parcelas, de aproximadamente 30 m² cada unha, sitúanse dentro dunha extensión de máis de 3.000 m² de zona verde, dos que se empregarán para cultivo 1.085 m2”.

O recinto conta tamén con espacios dotacionais, cunha zona de entrada, con espazo para aparcadoiro de vehículos e unha caseta de madeira, de acordo co entorno, para apeiros de labranza e material de traballo. Ademais, dispón de fontes de rega, adaptadas ao entorno, e mesas e bancos de uso público. Entre as normas de utilización polas que se rexen, cobran especial importancia unha serie de pautas relacionadas coa aplicación de prácticas de agricultura ecolóxica así como o predominio dos cultivos autóctonos, plantas comestibles de tradición hortícola, plantas aromáticas e tamén medicinais.

Seguintes pasos

Para a concesión dos hortos abriuse un proceso de concorrencia competitiva no que tiveron preferencia as persoas desempregadas, pensionistas, e con menor capacidade adquisitiva, así como aquelas persoas que teñan ao seu cargo algún integrante da unidade familiar con discapacidade psíquica e/ou física que o incapacite para o traballo, persoas en risco de exclusión social ou maiores de 65 anos. Conforme aos criterios de valoración formouse unha listaxe provisional de persoas adxudicatarias cos puntos acadados por cada unha delas que se exporá ao público a través do Taboleiro de Anuncios e da páxina web do Concello polo prazo de dez días naturais nos que as persoas interesadas poderán presentar reclamacións en caso de disconformidade coa valoración realizada.

Rematado o prazo anterior, e resoltas, se é o caso, as reclamacións recibidas, ditarase resolución definitiva coa adxudicación das distintas parcelas ás persoas beneficiarias que resulten da baremación anterior. As autorizacións que habiliten para a ocupación e uso do dominio público sobre o que se asentan os hortos urbanos serán persoais e temporais, polo prazo de dous anos vexetativos.